Patricia Roiloa Rodríguez, nova secretaria xeral do Consello Consultivo de Galicia: “É un reto que asumo con ilusión, gratitude e responsabilidade”

Patricia Roiloa Rodríguez, nova secretaria xeral do Consello Consultivo de Galicia: “É un reto que asumo con ilusión, gratitude e responsabilidade”

 

Santiago, 3 de xuño de 2025. O Consello Consultivo conta desde hoxe cunha nova secretaria xeral: Patricia Roiloa Rodríguez. Funcionaria de carreira e cunha ampla traxectoria na Administración autonómica, afronta esta nova etapa con “ilusión, gratitude e responsabilidade”, avalada polo seu profundo coñecemento da institución, na que leva traballando desde o ano 2015. É, asegura, “consciente da importancia que ten o Consello como garante da legalidade e do bo funcionamento das administracións públicas na comunidade”.

Unha traxectoria sólida dedicada ao servizo público

Nada na Coruña no ano 1974, Patricia Roiloa é licenciada en Dereito pola Universidade de Santiago e especialista en Relacións Laborais. Funcionaria do corpo superior da Administración da Xunta de Galicia (A1) e do corpo de xestión da Administración Civil do Estado (A2), en excedencia, desenvolveu gran parte da súa carreira profesional no ámbito de persoal e recursos humanos.

Desde novembro de 2015 ocupou no Consello Consultivo de Galicia o posto de xefa do Servizo de Xestión Económica, Habilitación e Persoal, o que lle permitiu coñecer en profundidade o funcionamento interno deste órgano consultivo. “Penso que ter vivido o Consello desde dentro durante case dez anos será de gran valía nesta nova etapa. Isto pode axudarme a afrontar con máis facilidade os desafíos e dificultades que se poidan presentar e tomar decisións con máis criterio”, afirma a secretaria xeral.

 Coidar do equipo humano e mellorar o funcionamento diario

Entre as súas prioridades neste novo cargo, Roiloa destaca a importancia de reforzar o funcionamento interno da institución e facilitar o traballo dos equipos: “O meu obxectivo é que o Consello Consultivo funcione cada día da mellor maneira posible. Coidar do equipo humano é esencial para que este órgano siga sendo un referente en calidade xurídica”.

Compromiso, integridade e vocación de servizo público

Durante a súa etapa anterior, á fronte do Servizo de Persoal e Xestión Económica, Patricia Roiloa aprendeu “o valor da discreción e do rigor no traballo”. E destaca como valores fundamentais no exercicio profesional a responsabilidade, a integridade, a capacidade de adaptación e o respecto polo traballo dos demais.

Ademais da súa experiencia administrativa, colabora na importante función docente que desenvolve este órgano consultivo coa EGAP e coa ACIS en materias relacionadas co funcionamento do Consello Consultivo e os procedementos de responsabilidade patrimonial. Tamén foi membro de diversos tribunais de oposición desde o ano 2008.

Unha institución clave para a seguridade xurídica e a boa gobernanza

Roiloa subliña o papel esencial do Consello Consultivo no ecosistema institucional galego: “A nosa Lei defíneo como o supremo órgano consultivo das administracións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia. É unha peza fundamental para garantir que as decisións das administracións se axusten ao ordenamento xurídico, contribuíndo así á seguridade xurídica e á boa gobernanza”.

Cunha traxectoria sólida e unha clara vocación de servizo público, asume esta nova responsabilidade co obxectivo de consolidar e fortalecer o papel do Consultivo como institución de referencia no asesoramento xurídico.

 

Desde a esquerda, o secretario do Pleno e das Seccións, Santiago Valencia; a conselleira Nora Martínez, o presidente do Consello Consultivo, Andrés Lago Louro; a nova secretaria xeral, Patricia Roiloa, e os conselleiros José Antonio Fernández y Alberte Souto.
Galego