Andrés Lago Louro entrega ao presidente da Xunta a Memoria 2024 do Consello Consultivo de Galicia

Andrés Lago Louro entrega ao presidente da Xunta a Memoria 2024 do Consello Consultivo de Galicia

 

  • Foron emitidos 442 ditames no pasado ano, cun prazo medio de resposta de 23,13 días
  • A responsabilidade patrimonial centrou a maior parte da actividade, con 335 ditames sobre caídas, neglixencias médicas e danos derivados de actuacións administrativas.

 

Santiago, 30 de xuño de 2025. O Consello Consultivo de Galicia presentou a súa Memoria 2024, onde recolle a intensa actividade xurídica, institucional e divulgativa desenvolvida ao longo do pasado ano. A publicación foi aprobada por unanimidade en sesión plenaria o 25 de xuño de 2025 e elevarase ao Consello da Xunta de Galicia, en cumprimento do artigo 15 da Lei 3/2014.

O presidente do Consello Consultivo, o maxistrado Andrés Lago Louro, fixo entrega oficial do documento ao presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda Valenzuela, nun acto institucional no que estivo acompañado pola nova secretaria xeral do órgano, Patricia Roiloa Rodríguez.

Durante o exercicio 2024, o órgano emitiu un total de 442 ditames, consolidando o seu papel como garante da legalidade na actuación das administracións públicas. A maior parte das consultas (64,48 %) procederon da Administración autonómica, destacando a Consellería de Sanidade como a que máis ditames solicitou. A Administración local representou o 33,71 % das consultas, sendo A Coruña a provincia cun maior número de solicitudes, por diante de Pontevedra, Lugo e Ourense.

O prazo medio de emisión dos ditames foi de 23,13 días, incluídas as prórrogas, o que reflicte a axilidade e eficiencia na resposta xurídica.

Asuntos tratados en 2024

Durante o pasado ano, os ditames emitidos abrangueron estas materias:

  • Responsabilidade patrimonial: 335
  • Revisión de oficio: 40
  • Contratación administrativa: 39
  • Informes: 7
  • Proxectos de decreto: 6
  • Responsabilidade patrimonial contractual: 5
  • Recurso de revisión: 4
  • Recursos de Inconstitucionalidade: 2
  • Convenio Comunidades Autónomas: 2
  • Concesión administrativa: 1
  • Proxecto de orde: 1

Entre os asuntos máis destacados de 2024 cómpre salientar:

  • A análise da responsabilidade patrimonial en casos de neglixencias médicas, caídas en espazos públicos ou tratamentos relacionados con identidade de xénero e COVID persistente.
  • A resolución de contratos por incumprimento ou defectos procedimentais, con especial atención á necesidade de solicitar ditame antes de resolver certos contratos públicos, como no 425/2024.
  • A revisión de oficio de procesos selectivos, títulos académicos ou situacións de contratación irregular.
  • Ditame sobre convenio interautonómico, como o 365/2024, que avala un acordo entre comunidades para impulsar competencias dixitais.
  • Recursos de inconstitucionalidade, como o 36/2024: Ditame favorable á interposición de recurso contra varios artigos da Lei estatal polo dereito á vivenda, por posibles vulneracións das competencias autonómicas e do dereito de propiedade. E o 241/2024: Análise xurídica da Lei de amnistía estatal para Cataluña, con proposta de recurso por posible afectación á igualdade ante a lei, á seguridade xurídica e á división de poderes.

Formación, difusión e proximidade

O Consello organizou oito cursos especializados a través da EGAP, duplicando edicións dalgúns deles ante a alta demanda, con temáticas como: contratación pública, responsabilidade patrimonial, revisión en vía administrativa, elaboración de disposicións normativas e recursos administrativos na Lei 39/2015.

A Memoria 2024 tamén dá conta das accións non consultivas, como o impulso ás redes sociais institucionais (páxina web, LinkedIn e X), a consolidación da asistente virtual LexIA, as visitas virtuais ao Pazo de Amarante e a sinatura de convenios con universidades e a EGAP.

O documento recolle, ademais, observacións para a mellora da práctica administrativa e compila a doutrina xurídica máis relevante, reafirmando o papel do Consello como garante da legalidade e instrumento ao servizo das administracións públicas da comunidade.

 

Imaxes cedidas pola Xunta de Galicia
Galego