LexIA, o avatar do Consello Consultivo de Galicia, roza o primeiro posto nos Premios de Internet 2025

LexIA, o avatar do Consello Consultivo de Galicia, roza o primeiro posto nos Premios de Internet 2025

 

  • A candidatura foi a única finalista institucional galega na súa categoría
  • Supera ao proxecto do Ministerio de Justicia e queda só por detrás da Agencia Española de Protección de Datos

 

Santiago, 19 de maio de 2025. LexIA, o avatar de intelixencia artificial xenerativa creado polo Consello Consultivo de Galicia, acadou o segundo posto na categoría de Transformación Dixital dos Premios de Internet 2025, quedando a pouca distancia da candidatura gañadora, a da Agencia Española de Protección de Datos (AEPD). A ferramenta galega superou na final á proposta presentada polo Ministerio de Justicia.

Estes galardóns, concedidos polo Comité de Impulso do #diadeinternet, recoñecen cada ano as iniciativas, persoas e organizacións que destacan polo seu uso innovador e transformador das novas tecnoloxías, no marco da celebración do Día Mundial de Internet.

LexIA foi a única finalista institucional galega na categoría de Transformación Dixital, aínda que non a única representante de Galicia nesta edición. Na categoría de Cidadanía Dixital, tamén participou e gañou a candidatura conxunta do Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) e o Servizo Galego de Saúde (Sergas), co seu proxecto de robótica hospitalaria. Ademais, na categoría de Marca Persoal a atleta paralímpica Susana Rodríguez Gacio, referente do deporte inclusivo, obtivo o primeiro premio na subcategoría de Deporte, e o fotógrafo Nacho Varela, de ascendencia galega, foi distinguido como gañador na subcategoría de Fotografía.

LexIA, desenvolvida no seu inicio con ferramentas gratuítas e sen custo para a institución, supuxo un antes e un despois na maneira en que o Consello Consultivo de Galicia se comunica coa cidadanía, tanto á hora de dar a coñecer a súa actividade como os ditames máis destacados, ofrecendo ademais unha experiencia accesible e próxima.

Desde o Consello Consultivo valórase este recoñecemento como un importante respaldo ao traballo realizado e unha motivación para seguir apostando pola innovación tecnolóxica ao servizo do interese público, da transparencia e do acceso ao Dereito.

María Almodóvar e Vanessa Brea acudiron en representación do Consello Consultivo de Galicia aos Premios de Internet, que se entregaron no Senado.
Galego