Que é o Consello?
O Consello Consultivo de Galicia, creado pola Lei 9/1995, do 10 de novembro, e regulado na actualidade pola Lei 3/2014, do 24 de abril, é o supremo órgano consultivo da Xunta de Galicia e das administracións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia, e actúa con independencia respecto de calquera órgano e, en garantía dela, goza de autonomía orgánica e funcional, non estando os seus membros ligados por ningún mandato imperativo.
O Consello Consultivo de Galicia emite ditame en cantos asuntos, relativos ás materias previstas na Lei 3/2014, sexan sometidos á súa consulta pola Presidencia da Xunta de Galicia, o Consello da Xunta ou calquera das persoas que forman parte del, as administracións do sector público autonómico, as entidades locais e as universidades públicas de Galicia.
Que funcións realiza?
No desempeño da súa función ditaminadora, o Consello Consultivo de Galicia exercerá o control previo do rigor técnico xurídico das actuacións do órgano consultante, velando pola observancia da Constitución, do Estatuto de autonomía de Galicia e do resto do ordenamento xurídico, sen estenderse en valoracións de oportunidade ou conveniencia, agás que así o solicite expresamente o órgano consultante.
A consulta ao Consello Consultivo de Galicia será preceptiva cando así se estableza por lei e os seus ditames non serán vinculantes, agás que por lei se dispoña expresamente o contrario. Os asuntos sobre os que ditamine o Consello Consultivo de Galicia non poderán ser sometidos polo órgano consultante a ditame posterior doutro órgano ou institución consultiva.
Por outra banda, o Consello da Xunta poderá encomendar ao Consello Consultivo de Galicia a redacción de anteproxectos lexislativos e a elaboración de propostas lexislativas ou de reforma estatutaria. A súa realización deberá axustarse estritamente ao ámbito delimitado polos criterios expresados polo Consello da Xunta.
Poderá tamén a persoa titular da Presidencia da Xunta de Galicia solicitar do Consello Consultivo de Galicia a emisión de informes sobre calquera cuestión concreta cando, ao seu xuízo, sexan de indubidable transcendencia para a Comunidade Autónoma de Galicia.
Así mesmo, as persoas titulares da presidencia das entidades locais poderán solicitar do Consello Consultivo de Galicia a emisión de informes sobre cuestións concretas de especial transcendencia para a Comunidade Autónoma de Galicia. A estes efectos, entenderase que unha cuestión reviste especial transcendencia para a Comunidade Autónoma de Galicia nos seguintes casos:
- Cando apareza referida a normas cuxa aplicación ao caso ou cuxa interpretación na súa aplicación ao mesmo resulte dubidosa.
- Cando transcenda do caso concreto porque presente unha cuestión xurídica de relevante e xeral repercusión económica ou social.
- Cando fose resolta por distintas administracións públicas de Galicia con criterios xurídicos contraditorios.
A nosa sede
O Consello Consultivo de Galicia ten a súa sede no pazo de Amarante que se atopa en pleno núcleo histórico da cidade de Santiago de Compostela.
Foi construído na segunda metade do século XIX, sendo o seu autor Juan López Freire, fortemente influído polo gran arquitecto Miguel Ferro Caaveiro (autor dunha das fachadas da catedral de Santiago).
Responde a unha tipoloxía do típico pazo compostelán da segunda metade do século XIX, está dividido en dous andares e un semisoto, salientadas por franxas almofadadas. Pero a súa maior singularidade é amosar un monumental frontón recto que abrangue cinco dos once panos que compoñen a fachada. Esta peculiaridade faino quedar totalmente descentrado respecto desta, ao desprazarse o conxunto da porta principal cara ao extremo dereito do edificio. A porta de acceso ao edificio artella a fachada actuando como eixo de simetría, esta función vese potenciada ao prima-la tendencia vertical da porta, que invade no seu desenvolvemento ata o segundo corpo da fachada. O pazo de Amarante naceu cun marcado uso civil, para posteriormente pasar a ser sede do Ateneo León XIII, e xa máis cercano no tempo como Pazo de Xustiza, ata a creación do Consello Consultivo en 1996, en que pasou a acoller a este.
Composición
O Consello Consultivo de Galicia estará integrado por conselleiras e conselleiros electivos e máis por conselleiras e conselleiros natos.
As conselleiras e conselleiros electivos, en número de cinco, deberán ser xuristas de recoñecida competencia que conten cunha experiencia e desempeño efectivo durante polo menos dez anos en cargo, función ou actividade profesional relacionados especificamente con aquelas especialidades de dereito público relacionadas coas actividades do Consello Consultivo. Serán nomeados polo presidente da Xunta, por un período de seis anos: dous unha vez escoitado o Consello da Xunta e os outros tres por proposta do Parlamento de forma proporcional á representación dos grupos parlamentarios existentes na Cámara. Terán como límite máximo de permanencia no cargo de conselleiro electivo a idade de setenta e dous anos.
As conselleiras e conselleiros natos son as persoas que exerceron a Presidencia da Xunta de Galicia. A súa incorporación inicial ao Consello Consultivo pode producirse en calquera momento, pero en todo caso antes de cumpriren a idade de setenta e cinco anos. Exercerán o seu mandato por un período de seis anos de teren a condición de titular da Presidencia da Xunta de Galicia durante catro ou menos anos, ou por un período de doce anos de teren a condición de titular da Presidencia da Xunta de Galicia durante máis de catro anos.
Presidente
Naceu en Louro-Muros (A Coruña) no ano 1973. Licenciado en Dereito pola Universidade de Santiago de Compostela (1996), posúe un máster en Dereito Xudicial (1999). Accedeu á carreira xudicial en 2002 tras superar con éxito as probas de oposición, obtendo praza na Escola Xudicial de Barcelona. Despois da súa formación, exerceu como xuíz adxunto en Ordes e como xuíz titular do Xulgado de Primeira Instancia e Instrución Único de Cistierna (León).
En 2005, retornou a Galicia para ocupar o Xulgado de Primeira Instancia e Instrución n.º 2 de Corcubión (A Coruña), onde desenvolveu unha ampla e destacada traxectoria profesional durante case oito anos. Durante este período, ascendeu á categoría de Maxistrado en 2009, o que consolidou a súa experiencia tanto no ámbito civil como penal. O seu labor en Corcubión foi fundamental para o seu crecemento profesional, xestionando numerosos casos de relevancia na comarca.
En 2013 trasladouse a Santiago de Compostela, onde traballou en case todas as áreas da xurisdición, incluíndo a instrución de casos de gran envergadura como o “caso Alvia”. Tamén asumiu a competencia en materia de violencia de xénero, subliñando a importancia da colaboración das administracións públicas na prevención e erradicación desta lacra social.
En 2018 foi elixido xuíz decano dos Xulgados de Santiago, cargo no que foi reelixido en 2022. Ademais, exerceu como presidente da Xunta Electoral de Zona de Santiago de Compostela, acumulando unha vasta experiencia en procesos electorais.
Desde 2013, tamén foi parte activa na formación de xuíces e avogados, desempeñando o cargo de coordinador da Escola Xudicial en Galicia. Ademais, colaborou co Colexio de Avogados de Santiago e a Escola de Práctica Xurídica da USC, impartindo clases no Máster de Acceso á Profesión de Avogado e asumindo a titoría de futuros letrados.
Pola súa traxectoria, foi nomeado membro do tribunal que cualifica os procesos selectivos para o ingreso no Corpo Superior da Administración Xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, tanto por quenda libre como por promoción interna. En 2023, foi novamente designado como vogal integrante para avaliar aos aspirantes ao corpo de letrados da Xunta de Galicia, reforzando a súa experiencia na avaliación de futuros profesionais do dereito.
A súa experiencia en casos complexos levouno a formar parte da Rede Xudicial de Expertos en Xestión de Emerxencias e Catástrofes. É membro da Irmandade Xurídica Galega e conta con títulos de experto en Dereito Civil de Galicia e linguaxe xurídica.
Este extenso percorrido no ámbito xudicial, formativo e administrativo, con máis de 22 anos de experiencia, reflicte a súa dedicación e compromiso coa xustiza e o servizo público en Galicia.
Conselleiros/as
Naceu en Cáceres no ano 1967. É licenciado en Dereito pola Universidade Complutense de Madrid (a través do colexio universitario San Pablo CEU). Accedeu á carreira xudicial pola quenda de oposición na convocatoria en data 17 de maio de 1995, formando parte da primeira promoción que cursou estudos selectivos na escola xudicial de Barcelona.
No ano 1998 foi destinado no Xulgado de Primeira Instancia e Instrución de Sigüenza (Guadalajara), posteriormente accedeu por antigüidade á categoría de Maxistrado, sendo destinado no Xulgado único Penal de Figueres (Girona).
Superadas as oposicións a Maxistrado especialista da orde Contencioso-Administrativo obtivo praza na Sala do Contencioso-Administrativo de Galicia. Seleccionado polo Tribunal Constitucional como letrado de dito órgano incorporouse ao mesmo ata o ano 2004, no que retorna á súa praza na Sección Terceira da Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.
Desde o ano 2007 a petición do presidente da Sala do Contencioso-Administrativo e por acordo da Sala de Goberno do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia foi nomeado presidente da Sección Terceira da Sala Contencioso-Administrativo ata o seu nomeamento como conselleiro electivo do Consello Consultivo de Galicia.
Participou como dos Tribunais de selección dos aspirantes ao corpo de letrados da Xunta de Galicia durante tres convocatorias (anos 2004 a 2007); e ten realizado diferentes cursos, relatorios ou conferencias na EGAP ou CGPJ, e asi mesmo ten escrito artigos doutrinais en revistas como a Revista Xurídica Galega ou a Revista da Asesoría Xurídica da Xunta de Galicia ou “Noticias de la Union Europea”.
Naceu en Lalín. É licenciado en Dereito pola Universidade de Santiago de Compostela e funcionario do Corpo de Letrados da Xunta de Galicia, do Corpo Superior da Administración Xeral da Xunta de Galicia e do Corpo de Secretarios de Administración Local.
No ámbito das Administracións Públicas exerceu o cargo de secretario xeral do Concello de Bueu no período de 1982 a 1988.
No ano 1988 incorporouse á Administración Autonómica Galega sendo nomeado Letrado – Asesor Xurídico da Consellería de Economía e Facenda, cargo que desempeñou ata comezos de 1989, ano en que accedeu ao cargo de secretario xeral técnico da mesma Consellería.
Posteriormente, en 1990 e ata 2005, exerceu os cargos de secretario xeral técnico da Consellería de Ordenación do Territorio e Obras Públicas e de secretario xeral da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda.
No período 2005 a 2009 ocupou o posto de Letrado – Asesor Xurídico da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza e en abril de 2009 foi nomeado secretario xeral da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, cargo onde permaneceu até outubro do 2015, data na que foi nomeado Conselleiro do Consello Consultivo de Galicia.
Así mesmo, ten desempeñado o posto de Presidente da Sociedade Pública SOGAMA e Vicepresidente e Conselleiro da Sociedade de Investimentos Públicos de Galicia (SPI), así como conselleiro e vogal de numerosas entidades públicas e organismos administrativos entre os que destacan TURGALICIA, Xestur-Pontevedra, Empresa Pública de Obras e Servizos Hidráulicos, Augas de Galicia, Portos de Galicia, Consello do Instituto Galego da Vivenda e Solo e Comisión Superior de Urbanismo de Galicia.
Nado en San Sadurniño no ano 1971. Licenciado en Dereito pola Universidade da Coruña. Avogado incorporado ao Colexio de Avogados de Ferrol desde 1996, exercendo a avogacía nas ordes contencioso-administrativa e civil, nesta orde en particular en procedementos de propiedade intelectual.
Asesor xurídico da Fundación «Galiza Sempre» nos períodos 2000-2005 e 2009-2013. Realizou labores de asesoría xurídica parlamentar durante as Lexislaturas VII a X do Congreso dos Deputados e VI a VIII do Parlamento de Galicia. Tamén prestou servizos de asistencia técnica xurídica no Parlamento Europeo (2017-2018) a través do Grupo GUE-NGL.
Foi titular da Secretaría Xeral da Consellería do Medio Rural desde agosto de 2005 a abril de 2009, onde desempeñou funcións de supervisión e coordinación dos servizos xurídicos, económicos e de persoal deste departamento.
Colaborou en 2018 en servizos de asesoramento xurídico en materia de dereito local para a Universidade de Santiago de Compostela (departamento de Dereito Administrativo). Prestou servizos de asesoramento xurídico en materia de dereito administrativo para entidades locais nos ámbitos da defensa xurídica, contratación administrativa, urbanismo, responsabilidades patrimoniais, redacción de Ordenanzas e Regulamentos Municipais e outras materias relacionadas co dereito público local.
Naceu en Ferrol en 1970. Estudou nas Universidades de Granada e de Santiago de Compostela. Nesta última obtivo os títulos de licenciada en Dereito (1993) e de doutora europea en Dereito, con sobresaínte cum laude (1999).
A súa carreira profesional desenvolveuse no marco da docencia e investigación universitaria. Foi profesora de Filosofía do Dereito na Universidade de Santiago de Compostela (1998-1999) e de Dereito Mercantil na Universidade de Vigo (2001-2004). En 2004 incorpórase á Área de Dereito do Traballo e da Seguridade Social na Universidade de Vigo, onde ocupa unha praza de profesora titular de Universidade.
Na Universidade de Vigo foi directora do I e II Curso de Especialista en Seguridade Social (2005-2007); vicedecana da Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo (2011-2013) e coordinadora do Máster Interuniversitario en Xestión e Dirección Laboral (2018-2020).
Conta con tres sexenios de investigación recoñecidos pola Comisión Nacional Avaliadora da Actividade Investigadora (CNEAI) e catro quinquenios de docencia. Participou en máis de quince proxectos de investigación con financiamento público competitivo. Realizou estancias de investigación nas universidades de Bolonia (1996), Roma (1999) e Florencia (2015). É autora de dúas monografías, así como de máis de setenta capítulos de libro e artigos en revistas científicas. É membro da Asociación Española de Dereito do Traballo e da Seguridade Social (AEDTSS). Recibiu varios premios de investigación de ámbito estatal. Entre eles destaca o Premio de Estudos Financeiros, na modalidade de Dereito do Traballo e da Seguridade Social (2015).
Colaborou co Valedor do Pobo en calidade de asistente técnica (1998-2004). Dende 2018 ata a súa incorporación ao Consello Consultivo foi mediadora e árbitra do Acordo Interprofesional Galego sobre Procedementos Extraxudiciais de Solución de Conflitos de Traballo (AGA).
Secretaría Xeral
Naceu en Santiago de Compostela no ano 1979. É licenciado en Dereito pola Universidade Complutense de Madrid e Magister especialista en Dereito Tributario pola Universidade de Santiago de Compostela. Ingresou por oposición na Escala de Letrados da Xunta de Galicia no ano 2006, prestando servizos na Asesoría Xurídica Xeral da Xunta de Galicia ata 2009.
Ten desempeñado diversos postos de asesoramento xurídico na Administración autonómica e local, entre os que cabe destacar o de xerente de urbanismo do Concello de Zamora, o de director da área de desenvolvemento urbano sostible do concello de Santiago de Compostela e o de Letrado do Consello Consultivo de Galicia.
Desde o ano 2016 é secretario xeral do Consello Consultivo de Galicia, e desde 2017 delegado de protección de datos desta institución.
Participou nos Tribunais de selección dos aspirantes ao corpo de letrados da Xunta de Galicia, Corpo superior da Administración da Xunta de Galicia, e habilitados nacionais, e ten impartido diferentes cursos, relatorios ou conferencias na EGAP, USC ou CGPJ. Asi mesmo ten escrito múltiples publicacións ou artigos doutrinais sobre urbanismo, contratación pública e procedemento administrativo.