Como presidente do Consello, e en nome de todos os que integramos esta institución, quero agradecer a súa visita á nosa sede virtual. Énchenos de orgullo abrir esta xanela ao público, ofrecendo un acceso transparente e directo ao noso labor de asesoramento xurídico á administración galega.
O Consello Consultivo de Galicia é o supremo órgano consultivo da Xunta e das administracións públicas galegas, e en pleno século XXI, a comunicación aberta e fluída coa cidadanía é máis importante que nunca. Esta páxina web non só é unha canle para informar, senón tamén unha ferramenta útil que facilita o acceso á nosa doutrina xurídica, consolidada ao longo de case tres décadas de traballo. Aquí poderán consultar os máis de 18.000 informes e ditames emitidos, así como as memorias anuais que trasladamos ao Goberno da Xunta de Galicia.
A tecnoloxía e a intelixencia artificial xa son unha realidade no noso Consello Consultivo. Estas ferramentas permítennos ser máis eficientes e accesibles, o que reforza o noso compromiso coa transparencia e a innovación no ámbito xurídico. Estamos convencidos de que estas innovacións axudarannos a seguir sendo un referente na mellora da calidade normativa para Galicia.
Comprometémonos a manter unha relación próxima e accesible cos cidadáns, compartindo de forma clara as resolucións que emitimos. O noso obxectivo é seguir sendo un referente xurídico para Galicia, contribuíndo á mellora das decisións administrativas e fortalecendo o marco legal que rexe a nosa convivencia.
Desde o Consello Consultivo traballamos cun propósito claro: mellorar a calidade normativa da nosa comunidade, dotándoa de ferramentas xurídicas sólidas que protexan e defendan os seus intereses. É unha honra para min presidir esta institución no seu continuo labor pola defensa da legalidade na actuación administrativa que redunde, en última instancia, no benestar de toda a cidadanía.
Grazas por confiar en nós.
Andrés Lago Louro
Presidente do Consello Consultivo de Galicia