O Consello Consultivo de Galicia analiza en xullo preto de 80 expedientes nas sesións do Pleno e da Sección de Ditames

O Consello Consultivo de Galicia analiza en xullo preto de 80 expedientes nas sesións do Pleno e da Sección de Ditames

A maioría dos ditames corresponderon a reclamacións de responsabilidade patrimonial, principalmente relacionadas co eido sanitario

 

Santiago de Compostela, 31 de xullo de 2026.- O Consello Consultivo de Galicia, presidido por Andrés Lago Louro, celebrou este mes de xullo dúas sesións do Pleno do órgano e cinco sesións da Sección de Ditames, que implicaron abordar un total de 78 expedientes, tal e como recollen as correspondentes ordes do día.

O máximo órgano consultivo de Galicia está encargado de velar polo rigor técnico xurídico das normas e decisións administrativas. Neste contexto, as sesións plenarias do Consello celebradas en xullo de 2026 serviron para, entre outras cuestións de organización interna, ditaminar unha solicitude realizada pola Administración autonómica en relación a un proxecto de orde relacionado co ámbito sanitario.

Polo que se refire ao traballo desenvolvido pola Sección de Ditames do Consello Consultivo de Galicia, ao longo deste mes houbo cinco reunións que, de acordo coas respectivas ordes do día, supuxeron o estudo e o pronunciamento sobre un total de 77 expedientes relativos a diferentes actuacións administrativas.

 

TIPOLOXÍA DOS EXPEDIENTES

 

Do total de documentos analizados, 67 corresponderon a reclamacións de responsabilidade patrimonial referidas ao ámbito sanitario, a caídas de persoas en espazos públicos e a outras tipoloxías. Máis concretamente, o asesoramento xurídico maioritario tivo que ver con 45 casos de responsabilidade patrimonial en relación a reclamacións por falecementos ou por danos relacionados con doenzas, diagnósticos e/ou tratamentos sanitarios.

E tamén houbo doce casos referidos a caídas de persoas en diferentes espazos públicos, mentres que o resto foron expedientes de responsabilidade patrimonial por diferentes causas.

Asemade, o órgano consultivo tamén analizou nas sesións de xullo da Sección de Ditames outros asuntos, entre eles, tres revisións de oficio de diferentes materias,  seis resolución de contrato e unha resolución de incidencias en execución de contrato.

Como é habitual, a actividade de xuño desenvolveuse, en prazos e procedemento, de acordo ao previsto na Lei 3/2014, do 24 de abril do Consello Consultivo de Galicia (LCCG) e na súa modificación pola Lei 2/2023, do 14 de marzo; así como, no Decreto 91/2015, do 18 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de organización e funcionamento do Consello Consultivo de Galicia.

O Consello Consultivo de Galicia, unha vez aprobados os correspondentes ditames sobre os diferentes asuntos, da traslado dos mesmos ás administracións que presentaron a solicitude que deu orixe ao inicio do procedemento. Con posterioridade, segundo a normativa aplicable e unha vez atendida a obriga de protección de datos sobre os textos, os ditames estarán accesibles na base de datos dispoñible na páxina web do órgano.

Galego