O Consello Consultivo de Galicia publica na súa web a Memoria de actividades en 2025

O Consello Consultivo de Galicia publica na súa web a Memoria de actividades en 2025

 

Santiago de Compostela, 28 de xullo de 2026.-  O Consello Consultivo de Galicia quere difundir a súa actividade a través da publicación da Memoria Anual de 2025 na súa web institucional. O documento, en formato dixital, presenta datos estatísticos, así como observacións para a mellora da práctica administrativa e unha recompilación de doutrina xurídica relevante, entre outra información.

A Memoria de 2025 recolle que o máximo órgano consultivo de Galicia emitiu un total de 412 ditames e que o prazo medio de emisión dos mesmos foi de 19,78 días, incluídas as prórrogas. Respecto do sentido ou conclusión dos ditames, segundo os datos estatísticos, o 73,53% resultaron favorables; o 12,62% desfavorables e un 11,41% foron acordos de devolución.

A maioría das consultas procederon da Administración autonómica. En concreto, 239 ditames foron solicitados polos diferentes departamentos da Xunta (o 78,24% corresponderon á Consellería de Sanidade); 168 partiron de diferentes concellos e deputacións provinciais; houbo outros 2 expedientes solicitados por entes públicos; un expediente, a cargo dunha Administración corporativa; e outro expediente máis, solicitado por unha entidade local territorial.

Dando cumprimento ao previsto na normativa de creación e de organización e funcionamento do máximo órgano consultivo, a publicación que recolle o balance de actividade do ano pasado foi aprobada en sesión plenaria do Consello Consultivo de Galicia do 23 de xuño de 2026.

Seguidamente, o pasado 20 de xullo, o presidente do Consello Consultivo de Galicia, Andrés Lago, entregou o documento impreso e en formato dixital ao xefe do Executivo galego, Alfonso Rueda.  Finalmente, o 27 de xullo, a Memoria Anual de 2025 foi elevada á reunión do Consello da Xunta de Galicia.

Galego