Aberta a matricula en oito cursos para empregados públicos promovidos polo Consello Consultivo de Galicia e pola EGAP

Aberta a matricula en oito cursos para empregados públicos promovidos polo Consello Consultivo de Galicia e pola EGAP

 

Santiago de Compostela, 6 de febreiro de 2026.- O persoal empregado público das entidades locais e do sector público autonómico de Galicia ten de prazo ata o 11 de febreiro para matriculase de forma telemática en oito actividades formativas convocadas ao amparo do convenio de colaboración vixente entre o Consello Consultivo de Galicia e a Escola Galega de Administración Pública (EGAP).

Trala recente publicación no Diario Oficial de Galicia (DOG) da resolución da EGAP, están convocadas accións formativas que teñen por obxecto “A función consultiva do Consello Consultivo de Galicia”, “A intervención do Consello Consultivo de Galicia na contratación pública”, “A responsabilidade patrimonial por razóns de carácter urbanístico. Os supostos indemnizatorios” e “A revisión en vía administrativa de títulos habilitantes de natureza urbanística”.

Completan a oferta formativa, adscrita a área de Comunicación, organización do traballo e mellora das habilidades do persoal público, o “Curso práctico sobre responsabilidade patrimonial das entidades locais” e outros que abordarán cuestións como “Elaboración de disposicións administrativas de carácter xeral”, “O procedemento de responsabilidade patrimonial: irregularidades, defectos e cuestións prácticas” e “Os recursos administrativos na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas”.

Os cursos, que teñen 50 prazas cada un, vanse desenvolver en diferentes datas comprendidas entre o 15 de marzo e o 22 de xuño deste ano, en formato de teleformación; con datas de exame fixadas para cada caso entre o 16 de abril e o 26 de xuño de 2026.

O Consello Consultivo de Galicia e a EGAP, froito dun convenio de colaboración, promoven o desenvolvemento de actividades de carácter formativo, divulgador e investigador en materias da súa competencia. Trátase de contribuír a un mellor coñecemento do órgano consultivo, co obxectivo de un mellor cumprimento das funcións atribuídas en cada caso e en beneficio da cidadanía e da sociedade galega.

Galego