O Consello Consultivo de Galicia felicita ao Consello de Estado polos seus 500 anos ao servizo da actuación administrativa

O Consello Consultivo de Galicia felicita ao Consello de Estado polos seus 500 anos ao servizo da actuación administrativa

Andrés Lago asistirá en Madrid ao acto que abre a conmemoración do V Centenario do órgano consultivo estatal

 Santiago de Compostela, 16 de febreiro de 2026.- O Consello Consultivo de Galicia saúda a conmemoración durante este ano do V Centenario da creación en España do Consello de Estado e recoñece o seu valor como garante da legalidade e ao servizo da actuación administrativa. A efeméride histórica servirá para dar más visibilidade ao traballo deste organismo estatal e tamén ao dos seus homólogos constituídos nas distintas Comunidades Autónomas.

O Consello de Estado, creado en 1526 por Carlos V e considerado como o órgano máis antigo do país, comeza este mércores en Madrid un programa de actividades para celebrar ao longo de 2026 o seu pasado, o seu presente e o seu futuro ao servizo da calidade normativa, a mellora da administración pública e da protección dos dereitos e liberdades.

Desde a súa fundación hai 500 anos, o supremo órgano consultivo ten acompañado a España en todas as súas etapas e está considerado como unha das institucións consultivas máis antigas de Europa. Asemade, está presente na actividade administrativa desde as mesmas orixes da España constitucional. Xa no século pasado, a súa condición de “supremo órgano consultivo do Goberno” aparece consolidada a través do artigo 107 da Constitución de 1978 e a súa composición e competencias foron reguladas pola Lei Orgánica 3/1980, de 22 de abril .

O Consello de Estado xurdiu como unha peza chave do sistema democrático español, que primeiro implicou un traballo en solitario e, posteriormente, ao amparo do desenvolvemento das comunidades autónomas, sumou aos respectivos consellos consultivos autonómicos no cumprimento da responsabilidade de ofrecer seguridade xurídica e estabilidade institucional no conxunto do Estado.

PRESENCIA EN MADRID

O presidente do Consello Consultivo de Galicia, Andrés Lago Louro, convidado pola presidenta do Consello de Estado, Carmen Calvo, asistirá este mércores, en Madrid, ao acto inaugural da Conmemoración do V Centenario, que consistirá nun concerto no Teatro Real e reunirá ás máximas autoridades e representantes do país.

O organismo consultivo do Estado ten anunciada unha programación de diferentes actividades para conmemorar esta relevante efeméride, con eventos que se desenvolverán ao longo de todo este ano, en diferentes lugares de España.

Para Andrés Lago Louro, a celebración en 2026 de diferentes actos institucionais, académicos e culturais con motivo deste V Centenario, axudará a dar  visibilidade tanto ao Consello do  Estado como aos consellos consultivos autonómicos como institucións que fomentan unha reflexión xurídica que contribúe a garantir a legalidade na actuación administrativa.

Galego