A Lei do patrimonio cultural de Galicia, a única norma dunha comunidade autónoma que cita expresamente a arquitectura de indianos como patrimonio cultural arquitectónico
A Lei do patrimonio cultural de Galicia, a única norma dunha comunidade autónoma que cita expresamente a arquitectura de indianos como patrimonio cultural arquitectónico
Constituíuse unha comisión técnica temporal baixo o convenio entre o Consello da Cultura Galega e a Asociación de Letrados da Xunta de Galicia
A letrada do Consello Consultivo de Galicia Carmen Salgueiro formou parte do grupo de traballo encargado da elaboración da parte xurídica xunto con María Isabel Novo Castro e Santiago Valencia Vila
Destácase a importancia das Administracións autonómicas e os concellos na declaración de inmobles de interese cultural ou a súa inclusión no Catálogo do Patrimonio Cultural de Galicia
Santiago, 23 de xaneiro de 2024. Ao abeiro do convenio de colaboración entre o Consello da Cultura Galega (CCG) e a Asociación de Letrados da Xunta de Galicia constituíuse unha comisión técnica temporal para a elaboración dun informe sobre a arquitectura indiana en Galicia no que se recolleran propostas para a súa definición e protección patrimonial.
Desta comisión formou parte a nosa compañeira letrada Carmen María Salgueiro Moreira como integrante do grupo de traballo encargado da elaboración da parte xurídica do informe que se presentou onte no Consello da Cultura Galega.
No Informe sobre a arquitectura indiana en Galicia: propostas para a súa definición e protección patrimonial, se conclúe que en Galicia existe un legado cultural dos retornados das migracións transoceánicas que presenta características propias, froito da hibridación cultural: o que se coñece comunmente como fenómeno indiano entendido como o impacto sociopolítico, cultural e paisaxístico das migracións de retorno en Galicia.
Desde a perspectiva xurídica, cabe salientar que a Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia, é a única norma dunha comunidade autónoma que cita expresamente o fenómeno indiano, concretamente en sede de patrimonio cultural arquitectónico (artigo 88.1.e).
Sobre esta base, un dos obxectivos do informe é, precisamente, achegar elementos técnicos que permitan identificar e protexer como patrimonio arquitectónico as edificacións relevantes da arquitectura de indianos.
Ademais, no informe se apunta outra vía de protección. Así, as dimensións sociais e históricas das migracións transoceánicas de retorno en Galicia (que se poñen de manifesto nos estudos histórico e arquitectónico que contén o informe) permitirían apreciar a presenza dun elemento etnolóxico que podería determinar a protección de certas manifestacións do fenómeno indiano (e non só de manifestacións inmobles como acontece no caso do patrimonio arquitectónico) como patrimonio etnolóxico ao abeiro do artigo 91 da Lei 5/2016, do 4 de maio, en tanto manifestacións relevantes ou expresión testemuñal significativa da identidade, da cultura e das formas de vida do pobo galego nun determinado momento histórico.
Apunta o estudo que “feita esa determinación e identificación, os correspondentes inmobles poderán ser declarados de interese cultural ou incluídos no Catálogo do Patrimonio Cultural de Galicia (como bens catalogados)”, un labor no que tanto as Administracións autonómicas como os concellos teñen un papel chave.
Durante a rolda de prensa, a presidenta do CCG, Rosario Álvarez, subliñou que “levabamos moito tempo coa de idea de expandir a atención ao legado da emigración que presta o CCG a toda a arquitectura indiana e definir os seus límites para saber que alcance pode ter a protección que se debe exercer sobre ela”.
Por outra banda, a comisión técnica temporal, presidida por Xosé M. Núñez Seixas, estivo integrada por expertos de diferentes disciplinas, que se organizaron en tres grupos de traballo: un sobre historia e patrimonio da emigración, integrado polo propio Núñez Seixas e mais Raúl Soutelo Vázquez; outro sobre arquitectura indiana e paisaxe, formado por Rebeca Blanco-Rotea e Teresa Táboas, e un terceiro arredor do réxime xurídico que protexe estes ben patrimoniais, con María Isabel Novo Castro, Carmen M. Salgueiro Moreira e Santiago Valencia Vila á fronte.
Xunto coa Lei do patrimonio cultural de Galicia, o documento elaborado pola comisión técnica inclúe unha análise xeral das principais normas estatais de aplicación en materia de cultura, así como unha revisión da literatura historiográfica que dá conta dos variados exemplos tipolóxicos de arquitectura indiana que se conservan na Galicia occidental.
O informe xa está dispoñible para a súa descarga facendo clic aquí.
Manage Cookie Consent
Utilizamos cookies propias e de terceiros para optimizar o noso sitio web e o noso servizo.
Funcionais
Always active
The technical storage or access is strictly necessary for the legitimate purpose of enabling the use of a specific service explicitly requested by the subscriber or user, or for the sole purpose of carrying out the transmission of a communication over an electronic communications network.
Preferencias
The technical storage or access is necessary for the legitimate purpose of storing preferences that are not requested by the subscriber or user.
Estatísticas
The technical storage or access that is used exclusively for statistical purposes.The technical storage or access that is used exclusively for anonymous statistical purposes. Without a subpoena, voluntary compliance on the part of your Internet Service Provider, or additional records from a third party, information stored or retrieved for this purpose alone cannot usually be used to identify you.
Marketing
The technical storage or access is required to create user profiles to send advertising, or to track the user on a website or across several websites for similar marketing purposes.
Benvidos e benvidas á páxina web do Consello Consultivo de Galicia
Como presidente do Consello, e en nome de todos os que integramos esta institución, quero agradecer a súa visita á nosa sede virtual. Énchenos de orgullo abrir esta xanela ao público, ofrecendo un acceso transparente e directo ao noso labor de asesoramento xurídico á administración galega.
O Consello Consultivo de Galicia é o supremo órgano consultivo da Xunta e das administracións públicas galegas, e en pleno século XXI, a comunicación aberta e fluída coa cidadanía é máis importante que nunca. Esta páxina web non só é unha canle para informar, senón tamén unha ferramenta útil que facilita o acceso á nosa doutrina xurídica, consolidada ao longo de case tres décadas de traballo. Aquí poderán consultar os máis de 18.000 informes e ditames emitidos, así como as memorias anuais que trasladamos ao Goberno da Xunta de Galicia.
A tecnoloxía e a intelixencia artificial xa son unha realidade no noso Consello Consultivo. Estas ferramentas permítennos ser máis eficientes e accesibles, o que reforza o noso compromiso coa transparencia e a innovación no ámbito xurídico. Estamos convencidos de que estas innovacións axudarannos a seguir sendo un referente na mellora da calidade normativa para Galicia.
Comprometémonos a manter unha relación próxima e accesible cos cidadáns, compartindo de forma clara as resolucións que emitimos. O noso obxectivo é seguir sendo un referente xurídico para Galicia, contribuíndo á mellora das decisións administrativas e fortalecendo o marco legal que rexe a nosa convivencia.
Desde o Consello Consultivo traballamos cun propósito claro: mellorar a calidade normativa da nosa comunidade, dotándoa de ferramentas xurídicas sólidas que protexan e defendan os seus intereses. É unha honra para min presidir esta institución no seu continuo labor pola defensa da legalidade na actuación administrativa que redunde, en última instancia, no benestar de toda a cidadanía.