Uns 150 empregados públicos participan en abril en tres cursos  centrados en materias relacionadas coas tarefas do Consello Consultivo de Galicia

Uns 150 empregados públicos participan en abril en tres cursos  centrados en materias relacionadas coas tarefas do Consello Consultivo de Galicia

Estas accións de teleformación están incluídas na programación de cursos do órgano consultivo e a EGAP para o primeiro semestre do ano

 

Santiago de Compostela, 14 de abril de 2026.- Arredor de 150 empregados públicos das entidades locais e do sector público autonómico galego participan en abril nalgún dos tres cursos sobre materia xurídico-administrativa que promoven o Consello Consultivo de Galicia e a Escola Galega de Administración Pública (EGAP). Esta oferta formativa desenvólvese ao amparo dun convenio de colaboración entre ambas entidades públicas e está incluída na programación do primeiro semestre de  2026.

Tras os cursos celebrados en marzo, retómanse en abril as accións formativas encamiñadas a contribuír á actualización de coñecementos e divulgación das funcións e tarefas encomendadas ao máximo órgano consultivo de Galicia entre o persoal de diferentes Administracións públicas. En concreto, neste mes,  xa se está a desenvolver, desde o pasado xoves 9 de abril e ata o 3 de maio, ás sesións telemáticas programadas no curso “A revisión en vía administrativa de títulos habilitantes de natureza urbanística”, no que participan 50 alumnos.

Ademais, entre mañá, día 15 de abril, e ata o 18 de maio, outros 50 alumnos ampliarán os seus coñecementos no eido administrativo coa participación, tamén en formato de teleformación, na acción formativa denominada “A función consultiva do Consello Consultivo de Galicia”. E, posteriormente, está programado para as datas do 21 de abril ao 12 de maio, a seguinte das accións formativas do mes de abril, para que outros 50 inscritos aborden diferentes contidos baixo o título de “Os recursos administrativos na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas”.

 

PRIMEIRO SEMESTRE DO ANO

 

Estas accións formativas correspondentes a o primeiro semestre de 2026 buscan difundir o funcionamento e o traballo que realiza o Consello Consultivo de Galicia. Os primeiros cursos tiveron lugar o pasado mes de marzo e abordaron, por unha banda, a intervención do órgano consultivo na contratación pública e, por outra, con un enfoque práctico, a responsabilidade patrimonial das entidades locais.

Completarán a oferta formativa de marzo e abril, outros tres cursos en modalidade de teleformación. O primeiro,  baixo o título “O procedemento de responsabilidade patrimonial: irregularidades, defectos e cuestións prácticas”,  desenvolverase do 4 ao 28 de maio;  e o segundo, enunciado como “Os recursos administrativos na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas”, terá lugar do 18 de maio ao 11 de xuño. Por último, entre o 1 e o 22 de xuño, desenvolverase o curso “Elaboración de disposicións administrativas de carácter xeral”.

O Consello Consultivo de Galicia e a EGAP, froito dun convenio de colaboración en vigor, promoven o desenvolvemento de actividades de carácter formativo, divulgador e investigador en materias da súa competencia. Trátase de contribuír a un mellor coñecemento do órgano consultivo, co obxectivo de un mellor cumprimento das funcións atribuídas en cada caso e en beneficio da cidadanía e da sociedade galega.

Galego