O Consello Consultivo de Galicia celebra que a USC conte cunha muller como reitora, a primeira das universidades galegas

O Consello Consultivo de Galicia celebra que a USC conte cunha muller como reitora, a primeira das universidades galegas

 

Santiago de Compostela, 10 de abril de 2026.- O Consello Consultivo de Galicia celebra que a Universidade de Santiago de Compostela (USC) conte desde hoxe coa primeira reitora das universidades galegas, a profesora Rosa M. Crujeiras Casais. Por primeira vez nos 531 anos de historia da institución compostelá, unha muller asume o Reitorado, converténdose ademais na primeira reitora do Sistema Universitario de Galicia (SUG).

O Salón Nobre do Colexio de Fonseca, na capital galega, acolleu hoxe a  cerimonia solemne de toma de posesión de Rosa M. Crujeiras como nova reitora, que estivo presidido polo xefe do Executivo galego, Alfonso Rueda, e contou coa presencia dos reitores das universidades de Vigo e A Coruña, Manuel Reigosa Roger e Ricardo Cao Abad, respectivamente.

Ao acto, que serviu tamén para facer efectivos os nomeamentos do novo equipo de goberno da USC, asistiron numerosas autoridades académicas, militares, eclesiásticas e civís, entre elas, a secretaria xeral do Consello Consultivo de Galicia, Patricia Roiloa. O órgano consultivo quixo sumarse ás felicitacións á nova titular da institución académica compostelá.

Rosa M. Crujeiras, quen é catedrática de Estatística,  fai historia ao converterse na primeira muller en recibir a medalla e o bastón de mando da Universidade de Santiago de Compostela. Foi elixida o 11 de marzo, na segunda volta das eleccións, e a súa vitoria foi  aprobada polo Consello da Xunta o pasado 6 de abril e o seu nomeamento aparece publicado hoxe mesmo no Diario Oficial de Galicia (DOG). Trala toma de posesión a reitora e o seu equipo de goberno inician un mandato de seis anos, de acordo coa normativa vixente.

Galego