O Consello Consultivo de Galicia presente na celebración do 45 Aniversario do Estatuto de Autonomía na Cámara galega

O Consello Consultivo de Galicia presente na celebración do 45 Aniversario do Estatuto de Autonomía na Cámara galega

Expertos analizan o autogoberno, a arquitectura institucional e o financiamento autonómico como elementos que permiten o progreso de Galicia

 

Santiago de Compostela, 23 de abril de 2026.- O Consello Consultivo de Galicia, sumouse hoxe á xornada conmemorativa do 45 Aniversario do Estatuto de Autonomía de Galicia, na que se reflexionou sobre a evolución e a influencia da norma básica galega. O acto, promovido polo titular do Parlamento de Galicia, Miguel Santalices, contou coas reflexións de catedráticos e profesores eméritos da Universidade de Santiago de Compostela (USC) e responsables políticos, que expuxeron a transformación vivida nestes anos.

O Parlamento de Galicia organizou no Pazo do Hórreo, en Santiago de Compostela, a Mesa Redonda titulada “O Estatuto de Autonomía para Galicia 45 anos despois: Historia, Política, Dereito e Economía”, á que asistiron como convidados diferentes autoridades, entre elas, o presidente do Consello Consultivo de Galicia galego, Andrés Lago.

Miguel Santalices  abriu o acto cun saúdo institucional e salientou que lembrar como naceu a autonomía de Galicia contribúe a reavivar compromisos no presente. Seguidamente, o catedrático emérito de Historia da USC, Ramón Villares, procedeu a introducir aos encargados de ofrecer a súa visión do desenvolvemento do autogoberno galego desde a aprobación do Estatuto en 1981, analizando o seu impacto en distintos ámbitos e os retos do modelo de financiamento autonómico.

Nesta xornada, participaron como relatores Xosé Luis Barreiro Rivas, ex vicepresidente da Xunta e profesor emérito de Ciencia Política da USC; María Cadaval Sampedro, profesora de Facenda Pública da USC; Roberto Blanco Valdés, catedrático de Dereito Constitucional da USC; María Bastida Domínguez, catedrática de Organización de Empresas da USC; e Miguel Corgos, conselleiro de Facenda e Administración Pública.

ALGUNHAS CONCLUSIÓNS

Todos eles foron os encargados de, cunha perspectiva académica e persoal, debullar un  balance histórico e económico do autogoberno galego e de reflexionar sobre o estado de vixencia do marco estatutario galego. En termos xerais,  os relatores coincidiron en resaltar que, con máis luces que sombras, o Estatuto de Autonomía facilitou a transformación de Galicia ata acadar un importante progreso ao longo destes anos.

Entre as conclusións desta mesa de reflexión, Ramón Villares mencionou que a arquitectura institucional creada co Estado das Autonomías foi decisiva para a evolución de Galicia, pero que tamén o foi a propia capacidade da cidadanía. Como puntos que ensombrecen o proceso vivido apuntou á fallos e improvisación no deseño e execución do modelo autonómico. Asemade, fronte ao poder desigual entre Estado e Comunidades Autónomas, reivindicou a necesidade dunha corresponsabilidade entre as partes.

Ante a conmemoración destes 45 anos, o Consello da Cultura Galega, que é un órgano estatutario da Comunidade Autónoma de Galicia de carácter asesor e consultivo, reafirma o seu traballo para contribuír a acadar novos avances na transformación e democratización da sociedade galega ao amparo da norma básica galega.

 

Galego