O presidente do Consello Consultivo de Galicia asiste en Vigo á apertura do curso 2026-2027 no SUG

O presidente do Consello Consultivo de Galicia asiste en Vigo á apertura do curso 2026-2027 no SUG

 

Vigo, 8 de setembro de 2026.- O presidente do Consello Consultivo de Galicia, Andrés Lago Louro, acudiu a Vigo para, xunto con outras autoridades,  presenciar a cerimonia oficial de apertura do curso universitario 2026-2027. Este ano, as intervencións estiveron centradas na alerta polo incremento do absentismo entre os estudantes galegos e no futuro plan de financiamento para as universidades públicas galegas.

O acto de inicio de curso para o conxunto do Sistema Universitario de Galicia (SUG), que cada ano organiza con carácter rotatorio unha das universidades galegas, correu a cargo da Universidade de Vigo. Así, o Salón de actos da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais do campus olívico congregou a diferentes autoridades académicas, civís e militares.

A nova reitora de Vigo, Carmen García Mateo, quen actuou por primeira vez como anfitrioa desta cerimonia desde que asumiu o cargo,  estivo acompañada polos seus homólogos das universidades de Santiago de Compostela,  Rosa Crujeiras, e da Coruña, Ricardo Cao. Ademais, estiveron presentes os presidentes dos Consellos Sociais das institucións e decanos de diferentes centros universitarios.

 

NUMEROSAS AUTORIDADES

 

Esta cerimonia de arranque oficial da actividade universitaria en Galicia contou tamén coa asistencia do presidente da Xunta, Alfonso Rueda, do conselleiro Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, do alcalde de Vigo, Abel Caballero, e o presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López Diéguez . Tamén acudiron os máximos responsables do BNG, Ana Pontón, e do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, así como outras autoridades.

Nesta ocasión, o profesor José Cidrás Pidre, catedrático de Enxeñaría Eléctrica, foi o encargado  de abrir as intervencións, coa lección inaugural titulada “Enerxía eléctrica, sector eléctrico, mercado eléctrico e sociedade”.  Así, fixo un repaso histórico sobre a enerxía eléctrica no mundo e analizou o pasado, presente e futuro do sector en España.

A reitora Carmen García Mateo puxo voz ás preocupacións das universidades do SUG como o absentismo do alumnado, o desaxuste entre a oferta e a demanda de prazas nas titulacións, e o financiamento; ao tempo que apuntou as medidas a adoptar para enfrontalas. Pola súa banda, o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, avanzou que o Goberno autonómico xa iniciou os traballos para aprobar, o vindeiro ano, o Plan de financiamento universitario 2028-2032, que contará co orzamento máis alto da historia da comunidade.

 

Fotos cedidas pola Universidade de Vigo
Galego