O presidente do Consello Consultivo de Galicia asiste en Santiago ao Foro do Panteón de Galegas e Galegos Ilustres

O presidente do Consello Consultivo de Galicia asiste en Santiago ao Foro do Panteón de Galegas e Galegos Ilustres

Varias institucións galegas recoñecen o consenso legal e xurídico para honrar ás personalidades ilustres e reivindican popularizar o seu legado

 Santiago de Compostela, 20 de febreiro de 2026.- O presidente do Consello Consultivo de Galicia, Andrés Lago Louro, asistiu en Santiago de Compostela ao Foro sobre o Panteón de Galegas e Galegos Ilustres, no que se analizou o pasado, presente e futuro da fundación encargada de promover o legado do espazo da Igrexa de San Domingos de Bonaval que é considerado símbolo do pobo galego.

A Fundación Panteón de Galegas e Galegos Ilustres, constituída en abril de 2025 ao amparo da Lei 5/2023, do 4 de agosto, propiciou en vésperas da conmemoración do Día de Rosalía deste 2026, un encontro con diversas autoridades e a participación de relatores encargados de reflexionar sobre o marco normativo e os retos e proxectos de futuro da institución. O evento tivo lugar hoxe na Igrexa de San Domingos de Bonaval,  na capital galega.

O padroado da fundación encargada de velar polo Panteón está constituído polo Parlamento de Galicia, a Xunta, o Concello compostelán e a Arquidiocese de Santiago. A xornada celebrada en Bonaval posibilitou a análise do que implica para a Comunidade Autónoma a aprobación e aplicación da Lei 5/2023, do 4 de agosto, do Panteón de Galegas e Galegos Ilustres.

CONSOLIDACIÓN

Símbolo da personalidade colectiva dos galegos e da súa continuidade histórica, o Panteón de Galegas e Galegos Ilustres é o espazo físico destinado a honrar e perpetuar a memoria das persoas que teñan contribuído de forma significativa á afirmación da identidade de Galicia, ao coñecemento desa identificación e á súa defensa, así como ao desenvolvemento do progreso do pobo galego en particular e da humanidade en xeral.

O foro, apoiado pola Fundación Santiago Rey Fernández-Latorre, congregou en Santiago de Compostela a distintas autoridades e contou coa intervención dos voceiros parlamentarios que, no seu momento, participaron na elaboración da Lei, que resaltaron o consenso acadado no seu día e a necesidade de potenciar e consolidar agora o Panteón.

Tamén afondaron na reflexión sobre o feito ata agora e o que queda por facer os responsables das institucións que integran a Fundación do Panteón de Galegas e Galegas Ilustres, como son o presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices; o conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López, a alcaldesa de Santiago de Compostela, Goretti Sanmartín, e o representante do Arzobispado de Santiago de Compostela, Daniel Lorenzo. Estas institucións recoñeceron o consenso legal e xurídico para honrar ás personalidades ilustres e reivindicaron popularizar o legado entre a cidadanía.

 AGRADECEMENTO

En relación á aprobación da lei e aos trámites posteriores para a constitución e posta en marcha da Fundación do Panteón, Miguel Santalices, destacou o traballo de todas as persoas participantes no proceso, con especial agradecemento aos letrados das diferentes institucións e, nomeadamente, ao presidente do Consello Consultivo de Galicia,  por contribuír a resolver cuestións xurídicas.

Os representantes das institucións que integran a Fundación avogaron por seguir avanzando  de forma real e efectiva na recuperación física e simbólica do Panteón que honra a identidade de Galicia. Precisamente, no peche do foro, o catedrático de Historia Contemporánea da Universidade de Santiago, Ramón Villares, apuntou a posibilidade de preservar e potenciar este símbolo da memoria e do pobo galego tomando como referencia o feito noutros países e sen renunciar ao propio.

SAÚDOS

 

Galego