O Consello Consultivo de Galicia e o TSXG buscarán unha maior colaboración sobre a actividade xurídica das administracións

O Consello Consultivo de Galicia e o TSXG buscarán unha maior colaboración sobre a actividade xurídica das administracións

 

Santiago de Compostela, 25 de febreiro de 2026.- O Consello Consultivo de Galicia e o Tribunal Superior de Xustiza de Galiza (TSXG) coinciden en apostar por unha maior colaboración por parte destes órganos para, desde as súas respectivas funcións, tratar de axudar ás administracións públicas galegas a aplicar o rigor  técnico e xurídico na súa actividade en aras de contribuír ao beneficio da cidadanía.

O titular do Consello Consultivo de Galicia, Andrés Lago Louro, actuou hoxe como anfitrión na visita institucional realizada ao Pazo de Amarante, en Santiago de Compostela, polo presidente do TSXG,  Ignacio Picatoste Sueiras, quen asumiu este posto hai uns meses, logo de ser nomeado por unanimidade polo Pleno do Consello Xeral do Poder Xudicial (CXPX).

Andrés Lago e Ignacio Picatoste mantiveron unha reunión cos conselleiros electivos do órgano consultivo Ignacio de Loyola Aranguren Pérez,  José Antonio Fernández Vázquez, Alberte Souto Souto e Nora María Martínez Yáñez. O encontro, de carácter institucional, serviu tamén para intercambiar impresións e experiencias relacionadas coa actividade normativa e xurídica en Galicia, tendo por obxecto poder afondar na mellora da actividade xurídico administrativa.

O titular do TSXG tivo tamén a oportunidade de facer un percorrido pola sede do Consello Consultivo de Galicia. O Pazo de Amarante, que se atopa en pleno casco histórico compostelán, naceu cun marcado uso civil para, posteriormente, pasar a ser sede do Ateneo León XIII e, nun tempo máis recente, servir como Pazo de Xustiza ata que coa creación do Consello Consultivo, en 1996, pasou a acoller a este órgano.

 

Galego