O Consello Consultivo de Galicia súmase á celebración dos 90 anos do plebiscito do Estatuto de Autonomía de 1936

O Consello Consultivo de Galicia súmase á celebración dos  90 anos do plebiscito do Estatuto de Autonomía de 1936

A conmemoración serve para reflexionar sobre a influencia do texto da etapa republicana no vixente Estatuto de Autonomía de Galicia de 1981

 

Santiago de Compostela, 5 de maio de 2026.- O Consello Consultivo de Galicia estivo presente no acto de conmemoración dos 90 anos do plebiscito do Estatuto de Galicia do 36, organizado polo Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento (IEGPS, CSIC-Xunta de Galicia). O evento serviu para lembrar como en tempos da II República xurdiu un texto que amosou a vontade dos galegos e galegas respecto ao recoñecemento á súa autonomía, tivo influencia no vixente Estatuto de 1981 e marcou unha vía privilexiada de acceso ao autogoberno na propia Constitución de 1978.

O presidente do Consello Consultivo de Galicia, Andrés Lago, e a secretaria xeral do órgano consultivo, Patricia Roiloa, asistiron hoxe, na sede do IEGPS en Santiago de Compostela,  á conferencia impartida polo conselleiro do Consello de Contas de Galicia e presidente do Parlamento de Galicia durante a II Lexislatura autonómica (1986-1989), Tomás Pérez Vidal, quen foi testemuña privilexiada dos primeiros anos do autogoberno galego.

“A Conmemoración do Estatuto de Galicia de 1936 no seu 50 aniversario (1986)” foi o título escollido para a conferencia. Na súa intervención, Pérez Vidal empregou a lembranza daquela efeméride para facer un percorrido histórico sobre o seu significado institucional e conmemorativo, ao tempo que relacionou ese fito coa actual celebración do 90 aniversario.

Pérez Vidal apuntou que calquera conmemoración trae á memoria acontecementos transcendentes, lembrando que ese foi o espírito das actividades organizadas polo Parlamento con motivo do 50 aniversario do plebiscito do Estatuto e o obxectivo da súa participación no acto celebrado na sede do IEGPS.

 

SOCIEDADES AVANZADAS

 

O acto, ao que asistiron numerosas autoridades e investigadores, contou tamén coa intervención do científico ad honorem do CSIC, Dr. Isidro García Tato, quen debullou o perfil máis persoal do conferenciante e as súas orixes comúns en Casoio, Carballeda de Valdeorras (Ourense).

Tamén tomou a palabra o conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, Román Rodríguez, quen destacou o valor das institucións, das normas e das persoas para o progreso das sociedades avanzadas; ao tempo que puxo como exemplo o traballo  e compromiso de Pérez Vidal en diferentes responsabilidades públicas.

O Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento custodia  na súa biblioteca o fondo documental do anteproxecto do Estatuto de Autonomía de Galicia (1932-1936), que tamén se encontra catalogado e dixitalizados, tal e como lembrou hoxe o director deste centro de investigación, Pablo S. Otero Piñeyro Maseda.

Galego