O Consello Consultivo de Galicia examina en abril uns 55 expedientes nas sesións do Pleno e da Sección de Ditames

O Consello Consultivo de Galicia examina en abril uns 55 expedientes nas sesións do Pleno e da Sección de Ditames
A maioría dos ditames corresponden a reclamacións de responsabilidade patrimonial, con 46 expedientes

Santiago de Compostela, 30 de abril de 2026.- O Consello Consultivo de Galicia, presidido por Andrés Lago, celebrou en abril dúas sesións do Pleno do órgano e catro sesións da Sección de Ditames, que implicaron analizar uns 55 expedientes, tal e como recollen as correspondentes ordes do día. A maioría dos asuntos abordados nas reunións de abril, como ven sendo habitual, foron reclamacións de responsabilidade patrimonial.

De acordo coa súa competencia para velar polo rigor técnico xurídico, o Consello Consultivo de Galicia, entre os asuntos tratados nas sesións plenarias celebradas no mes de abril de 2026, atendeu á solicitude realizada pola Administración autonómica en relación ao expediente correspondente a un proxecto de decreto no ámbito de diálogo social.

Polo que se refire á actividade da Sección de Ditames do Consello Consultivo de Galicia, ao longo deste mes de abril houbo catro reunións que, de acordo coas respectivas ordes do día, supuxeron o estudo e o pronunciamento sobre un total de 54 expedientes. Do total de documentos analizados, a maioría corresponderon a reclamacións de responsabilidade patrimonial, en concreto, un total de 46.

Entre os asuntos tratados, o órgano consultivo tamén abordou nas sesións de abril da Sección de Ditames tres solicitudes de declaración de nulidade de pleno dereito e unha declaración de nulidade dunhas bases específicas de selección, así como unha revisión de oficio da concesión dunha axuda, un recurso de revisión en materia de transporte, un recurso extraordinario de revisión e unha resolución dun contrato administrativo dun proxecto de execución de mellora de eficiencia enerxética.

 

NORMATIVA APLICABLE

 

Esta actividade de abril desenvolveuse, en prazos e procedemento, de acordo ao previsto na Lei 3/2014, do 24 de abril do Consello Consultivo de Galicia (LCCG) e na súa modificación pola Lei 2/2023, do 14 de marzo; así como, no Decreto 91/2015, do 18 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de organización e funcionamento do Consello Consultivo de Galicia.

O Consello Consultivo de Galicia, unha vez aprobados os correspondentes ditames sobre os diferentes asuntos, da traslado dos mesmos ás  administracións que presentaron a solicitude que deu orixe ao inicio do procedemento. Con posterioridade, segundo a normativa aplicable e unha vez atendida a obriga de protección de datos sobre os textos, os ditames estarán accesibles na base de datos dispoñible na páxina web do órgano.

Galego