O Consello Consultivo de Galicia saúda que a Escola de Verán do Poder Xudicial reflexione sobre o impacto da IA na Xustiza

O Consello Consultivo de Galicia saúda que a Escola de Verán do Poder Xudicial  reflexione sobre o impacto da IA na Xustiza

  • Andrés Lago asiste á apertura da XXVIII Escola de Verán do Poder Xudicial, que estivo presidida por Isabel Perelló, Diego Calvo e José Ramón Rioboo
  • A colaboración interinstitucional propicia que membros da carreira xudicial de toda España reciban en Galicia formación teórica e práctica sobre o uso dos avances tecnolóxicos e o marco regulatorio

 

Santiago de Compostela, 8 de xullo de 2026.-  Xuíces e xuízas de toda España analizarán ata o venres, en Galicia, o impacto sobre a Administración de Xustiza das novas tecnoloxías e, máis concretamente, da intelixencia artificial (IA). O Pazo de Mariñán, en Bergondo (A Coruña) acolle estes días a XXVIII Escola de Verán do Poder Xudicial, grazas á colaboración institucional entre o Consejo General del Poder Judicial (CGPJ), a Xunta e a Deputación da Coruña.

O presidente Consello Consultivo de Galicia, Andrés Lago Louro, estivo presente este martes no acto de apertura da XXVIII Escola de Verán do Poder Xudicial que, como cada ano, congregou a diferentes autoridades xudiciais, civís e militares. O foro pretende propiciar a reflexión e o diálogo entre a xudicatura, a academia e o sector tecnolóxico.

A presidenta do Tribunal Supremo e do CGPJ, María Isabel Perelló Doménech,  desprazouse ao Pazo de Mariñán, en Bergondo (A Coruña) e abriu formalmente as actividades da Escola de Verán do Poder Xudicial de 2026. No acto, tamén participaron o conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, e o deputado provincial de Facenda, Especial de Contas, Recursos Humanos e Avance Dixital da Deputación da Coruña, José Ramón Rioboo.

Na inauguración do encontro, as autoridades que tomaron a palabra coincidiron en que a Escola de Verán do Poder Xudicial destaca polo interese que esperta como actividade de formación continua entre xuíces e xuízas, xa que edición tras edición aborda cuestións de grande interese para a carreira xudicial e logra unha alta avaliación entre os participantes.

Xuíces e xuízas procedentes de distintas Comunidades Autónomas asisten estes días ás actividades da Escola de Verán, que están incluías no programa de formación continua do Consejo General del Poder Judicial. Desde 1997, o Pazo de Mariñán, acolle estes foros de reflexión e actualización xurídica que, a modo de laboratorio de ideas, contribúen a que a Administración de Xustiza avance en perspectivas e en fórmulas acaídas para acadar unha tutela xudicial efectiva.

 

FORMACIÓN CONTINUA

Neste contexto, CGPJ, Xunta de Galicia e Deputación da Coruña volveron a asinar este ano o convenio de colaboración que permite celebrar en Mariñán a Escola de Verán. Precisamente, no acto de apertura,  Isabel Perelló destacou a colaboración interinstitucional que propicia esta formación e agradeceu o interese dos participantes por perfeccionar os seus coñecementos en beneficio da Administración da Xustiza.

Entre os asistentes houbo coincidencia á hora de valorar que o encontro deste ano aborde a incorporación dos últimos avances tecnolóxicos, en particular a IA xenerativa e os sistemas de apoio á decisión xudicial. Tamén se salientou os pasos que se están a dar na modernización e dixitalización da Xustiza.

A actividade da XXVIII Escola de Verán do Poder Xudicial en 2026 está coordinada polos vocais do CGPJ José María Fernández e Gema Espinosa. Ao longo de varias xornadas, os participantes nesta formación poderán adquirir e reforzar coñecementos sobre  aspectos teóricos e prácticos da Xustiza na era da IA. Desta forma, abordaranse asuntos como o marco regulatorio europeo e español da IA, os principios de transparencia e supervisión humana ou o impacto da proba electrónica na Unión Europea, así como a avaliación crítica dos riscos derivados do uso de ferramentas automatizadas na actividade xurisdicional.

Escola Veran Poder Xudicial

Galego