O Consello Consultivo de Galicia presente na oficialización de Dolores Vilavedra como presidenta do Consello da Cultura Galega

O Consello Consultivo de Galicia presente na oficialización de Dolores Vilavedra como presidenta do Consello da Cultura Galega

A cerimonia institucional serviu para reafirmar a defensa e a promoción da cultura e da lingua de Galicia

 

Santiago de Compostela, 3 de xullo de 2026.- O Consello Consultivo de Galicia, a través do seu presidente Andrés Lago Louro, estivo presente na celebración institucional de toma de posesión de Dolores Vilavedra como nova presidenta do Consello da Cultura Galega (CCG). Con este acto, na sede do órgano cultural, oficialízase o inicio dunha nova etapa no máximo órgano asesor e consultivo do eido cultura de Galicia.

A cerimonia, que tivo lugar hoxe en Santiago de Compostela, estivo presidida polo titular do Executivo galego, Alfonso Rueda, e contou coa presencia das principais autoridades autonómicas e de representantes de entidades culturais, académicas, sociais e relixiosas. A asistencia de Andrés Lago, en representación do Consello Consultivo de Galicia, enmárcase na relación institucional entre ambos órganos e no apoio compartido á cultura galega.

Precisamente, a defensa e a promoción da cultura e da lingua de Galicia foi o fío condutor das intervencións realizadas no acto, que correron en primeiro lugar a cargo da presidenta do CCG saínte, Rosario Álvarez, e da nova titular do CCG, Dolores Vilavedra; para rematar coas palabras do presidente da Xunta, Alfonso Rueda.

A celebración institucional, marcada polo recoñecemento ao traballo do máximo organismo cultural de Galicia, foi aberta pola secretaria do CCG, Paula Cabaleiro, quen deu lectura ao Decreto 60/2026 polo que se nomea a Dolores Vilavedra como presidenta.

 

PROCESO DE ELECCIÓN

O Consello da Cultura Galega é un órgano estatutario da Comunidade Autónoma de Galicia de carácter asesor e consultivo, que ten como finalidade promover, difundir, asesorar e preservar os valores culturais do pobo galego. A elección e nomeamento da persoa encargada da Presidencia deste órgano segue o establecido na Lei 8/1983, do 8 de xullo, de creación do Consello da Cultura Galega e no seu regulamento, aprobado polo Decreto 162/2008, do 10 de xullo,

Así, o pasado mes de maio, a catedrática de Literatura Galega da Universidade de Santiago de Compostela (USC) e investigadora Dolores Vilavedra foi elixida en sesión plenaria como presidenta do CCG. O pasado 5 de xuño, Dolores Vilavedra compareceu no Parlamento de Galicia para presentar as liñas xerais do seu proxecto para a institución e o Diario Oficial de Galicia (DOG)  de 16 de xuño publicou o seu nomeamento.

Tras a súa toma de posesión, celebrada hoxe, o Pleno do Consello da Cultura Galega procederá á elección dos membros da Comisión Executiva, por proposta da nova presidenta.

Galego