Uns 400 empregados públicos ampliaron formación sobre as materias que aborda o Consello Consultivo de Galicia

Uns 400 empregados públicos ampliaron formación sobre as materias que aborda o Consello Consultivo de Galicia

A colaboración entre a EGAP e o máximo órgano Consultivo posibilitou a celebración dun total de oito cursos durante primeiro semestre deste ano

 

Santiago de Compostela, 2 de xullo de 2026.- Arredor de 400 empregados públicos das entidades locais e do sector público autonómico de Galicia  participaron entre marzo e xuño nas accións formativas correspondentes ao primeiro semestre deste ano e que están centradas no funcionamento e no traballo que realiza o Consello Consultivo de Galicia.

Ao amparo do convenio de colaboración vixente entre o órgano consultivo de Galicia e a Escola Galega de Administración Pública (EGAP) e tras a súa publicación no Diario Oficial de Galicia (DOG) do 4 de febreiro, desenvolvéronse un total de oito cursos, todos eles en modalidade de teleformación e cunha oferta de 50 prazas cada un.

Hai que salientar o interese do persoal público nestes cursos, xa que en todos os casos quedou cuberta a matrícula ofertada e, nalgún deles houbo lista de espera. Os cursos desenvolvéronse en diferentes datas comprendidas entre o 9 de marzo e o 22 de xuño deste ano. Os exames, en función do remate de cada actividade, contaron con datas de exame fixadas para cada caso entre o 16 de abril e o 26 de xuño de 2026.

 

TEMÁTICA DOS CURSOS

A accións formativas que tiveron por obxecto “A función consultiva do Consello Consultivo de Galicia”, “A intervención do Consello Consultivo de Galicia na contratación pública”, “A responsabilidade patrimonial por razóns de carácter urbanístico. Os supostos indemnizatorios” e “A revisión en vía administrativa de títulos habilitantes de natureza urbanística”.

Completaron a oferta formativa, adscrita a área de Comunicación, organización do traballo e mellora das habilidades do persoal público, o “Curso práctico sobre responsabilidade patrimonial das entidades locais” e outros que abordarán cuestións como “Elaboración de disposicións administrativas de carácter xeral”, “O procedemento de responsabilidade patrimonial: irregularidades, defectos e cuestións prácticas” e “Os recursos administrativos na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas”.

 

NOVA FORMACIÓN DESDE SETEMBRO

Ante o interese e participación nestes cursos, o pasado 1 de xuño o DOG publicou unha nova convocatoria destas actividades formativas para o persoal empregado público das entidades locais e do sector público autonómico de Galicia. Así están convocadas 50 prazas para cada un dos 8 cursos que, cos mesmos títulos e contidos, están previstos na segunda metade de 2026 e que volverán a realizarse na modalidade de teleformación.

Impartiranse máis de 200 horas formativas para mellorar as competencias xurídico-administrativas dos empregados públicos galegos, xa que, en función da temática, están deseñados cursos de 33, 30, 24 e 21 horas.

O Consello Consultivo de Galicia e a EGAP, froito dun convenio de colaboración, promoven o desenvolvemento de actividades de carácter formativo, divulgador e investigador en materias da súa competencia. Trátase de contribuír a un mellor coñecemento do órgano consultivo, co obxectivo de un mellor cumprimento das funcións atribuídas en cada caso e en beneficio da cidadanía e da sociedade galega.

Galego