O Consello Consultivo de Galicia examina en xuño máis de 35 expedientes nas sesións do Pleno e da Sección de Ditames

O Consello Consultivo de Galicia examina en xuño máis de 35 expedientes nas sesións do Pleno e da Sección de Ditames

Aprobada a Memoria de actividades do ano 2025, trámite previo a que sexa presentada en vindeiras datas ante a Xunta de Galicia

 

Santiago de Compostela, 30 de xuño de 2026.- O Consello Consultivo de Galicia, presidido por Andrés Lago Louro, celebrou este mes de xuño tres sesións do Pleno do órgano e catro sesións da Sección de Ditames, que implicaron abordar un total de 36 expedientes, tal e como recollen as correspondentes ordes do día.

O máximo órgano consultivo de Galicia está encargado de velar polo rigor técnico xurídico das normas e decisións administrativas. Neste contexto, as sesións plenarias do Consello celebradas en xuño de 2026 serviron para ditaminar as solicitudes realizada pola Administración autonómica en relación a catro proxectos de decretos sobre diferentes materias e a un recurso de inconstitucionalidade.

A maiores, no último pleno de xuño, foi aprobada a Memoria de actividades consultivas e non consultivas correspondente ao ano 2025 e que será presentada en vindeiras datas á Xunta de Galicia. Así, dáse cumprimento ao previsto na lei de creación do órgano consultivo e ao regulamento de organización e funcionamento do Consello Consultivo de Galicia. A normativa establece que se elevará anualmente unha memoria da actividade desenvolvida, así como as suxestións que se consideren oportunas en relación cos actos e procedementos administrativos obxecto de ditame.

Polo que se refire ao traballo desenvolvido pola Sección de Ditames do Consello Consultivo de Galicia, ao longo deste mes houbo catro reunións que, de acordo coas respectivas ordes do día, supuxeron o estudo e o pronunciamento sobre un total de 31 expedientes relativos a diferentes actuacións administrativas.

 

RESPONSABILIDADE PATRIMONIAL

Do total de documentos analizados, 26 corresponderon a reclamacións de responsabilidade patrimonial referidas ao ámbito sanitario, a caídas de persoas en espazos públicos exteriores e a outras tipoloxías (anulación de licencia, derrubamento, …). Máis concretamente, o asesoramento xurídico maioritario tivo que ver con 15 casos de responsabilidade patrimonial no ámbito sanitario en relación a reclamacións por falecementos ou por danos relacionados con doenzas, diagnósticos e/ou tratamentos.

Asemade, o órgano consultivo tamén analizou nas sesións de xuño da Sección de Ditames outros asuntos, entre eles, tres revisións de oficio de diferentes materias, unha resolución dun contrato administrativo dun proxecto de execución de para a mellora de eficiencia enerxética e unha declaración de caducidade da concesión administrativa no estacionamento de vehículos.

Como é habitual, a actividade de xuño desenvolveuse, en prazos e procedemento, de acordo ao previsto na Lei 3/2014, do 24 de abril do Consello Consultivo de Galicia (LCCG) e na súa modificación pola Lei 2/2023, do 14 de marzo; así como, no Decreto 91/2015, do 18 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de organización e funcionamento do Consello Consultivo de Galicia.

O Consello Consultivo de Galicia, unha vez aprobados os correspondentes ditames sobre os diferentes asuntos, da traslado dos mesmos ás administracións que presentaron a solicitude que deu orixe ao inicio do procedemento. Con posterioridade, segundo a normativa aplicable e unha vez atendida a obriga de protección de datos sobre os textos, os ditames estarán accesibles na base de datos dispoñible na páxina web do órgano.

Galego