O Consello Consultivo de Galicia emitiu en 2025 un total de 412 ditames, cun prazo medio de emisión inferior a 20 días
Andrés Lago entrega ao presidente da Xunta a Memoria de 2025, que inclúe observacións para a mellora da práctica administrativa e a doutrina xurídica
Máis do 75% das consultas ditaminadas o ano pasado corresponderon á materia de responsabilidade patrimonial
Santiago de Compostela, 20 de xullo de 2026.- O Consello Consultivo de Galicia da traslado da súa actividade nunha Memoria de 2025 que presenta datos estatísticos, así como observacións para a mellora da práctica administrativa e unha recompilación de doutrina xurídica relevante, entre outra información. O ano pasado, segundo este balance, emitíronse un total de 412 ditames e o prazo medio de emisión dos mesmos foi de 19,78 días, incluídas as prórrogas.
O presidente do Consello Consultivo de Galicia, Andrés Lago, desprazouse ata San Caetano e entregou ao xefe do Executivo galego, Alfonso Rueda, a Memoria Anual de 2025, dando cumprimento ao previsto na normativa de creación e de organización e funcionamento do máximo órgano consultivo.
Previamente, a publicación fora aprobada en sesión plenaria do Consello Consultivo de Galicia do 23 de xuño de 2026 e, a partir de agora, elevarase a unha próxima reunión do Consello da Xunta de Galicia, en cumprimento do artigo 15 da Lei 3/2014 e do e co artigo 2 do Decreto 91/2015, normativa referida ao funcionamento do máximo órgano consultivo da Comunidade Autónoma.
En cumprimento da súa función de velar pola legalidade e mellorar a calidade normativa das decisións das Administracións galegas, o Consello Consultivo de Galicia abordou o ano pasado un total de 412 expedientes, dos que o 91,02% foron ditaminados no prazo dun mes. Hai que detallar que un total de once expedientes foron sometidos á consulta deste órgano polo trámite de urxencia e 37 foron obxecto de aprazamento.
Os datos estatísticos reflicten que a maioría das consultas procederon da Administración autonómica. En concreto, 239 ditames foron solicitados polos diferentes departamentos da Xunta (o 78,24% corresponderon á Consellería de Sanidade); 168 partiron de diferentes concellos e deputacións provinciais; houbo outros 2 expedientes solicitados por entes públicos; un expediente, a cargo dunha Administración corporativa; e outro expediente máis, solicitado por unha entidade local territorial.
MATERIAS DOS DITAMES
De acordo cos asuntos que poden ser obxecto de consulta, a maioría dos ditames emitidos en 2025, un total de 310, corresponderon á materia de responsabilidade patrimonial. É dicir, o 75,24% do total das consultas resoltas o ano pasado implicaron atender o dereito a indemnización polas Administracións galegas polos danos relacionados con caídas e/ou reclamacións médicas, así como por danos derivados de actuacións administrativas.
Ademais, ao longo de 2025 contabilizáronse 46 expedientes por revisións de oficio; outros 26, referidos a contratos administrativos; 13 proxectos de decreto; e os restantes corresponderon ás materias de responsabilidade patrimonial contractual (4); recursos de revisión (3); informes (3); proxectos de orde (2); responsabilidade contractual (2); convenios con comunidades autónomas (1); recurso de reposición (1) e recurso de inconstitucionalidade (1).
Respecto do sentido ou conclusión dos ditames emitidos, segundo os datos estatísticos, o 73,53% resultaron favorables; o 12,62% desfavorables e un 11,41% foron acordos de devolución.
A contía económica dos asuntos sometidos a ditame do Consello Consultivo de Galicia en 2025 ascendeu a máis de 648,5 millóns por responsabilidade patrimonial (incluída a sanitaria), máis de 57,7 millóns en relación a materia de contratación administrativa e uns 2,5 millóns por responsabilidade contractual.
OUTRA INFORMACIÓN
A Memoria Anual recolle, ademais, observacións para a mellora da práctica administrativa e compila a doutrina xurídica máis relevante, reafirmando o papel do Consello como garante da legalidade e instrumento ao servizo das administracións públicas da comunidade.
O documento recolle a composición, medios e orzamento correspondente ao exercicio de 2025. Asemade, en relación á actividade non consultiva, tamén se ofrece información sobre a realización de formación, a difusión da actividade a través da web e redes sociais, así como os convenios vixentes. E preséntase un resumo dos datos da actividade desenvolvida nos 29 anos de funcionamento do Consello Consultivo (1996-2025).
O titular do Gobierno galego, Alfonso Rueda, recibe ao presidente Consello Consultivo de Galicia, Andrés Lago Louro, que lle fai entrega da memoria de 2025. Edificio Administrativo de San Caetano (Santiago de Compostela), 20/07/26. (Imaxe cedida pola Xunta de Galicia)
Manage Cookie Consent
Utilizamos cookies propias e de terceiros para optimizar o noso sitio web e o noso servizo.
Funcionais
Always active
The technical storage or access is strictly necessary for the legitimate purpose of enabling the use of a specific service explicitly requested by the subscriber or user, or for the sole purpose of carrying out the transmission of a communication over an electronic communications network.
Preferencias
The technical storage or access is necessary for the legitimate purpose of storing preferences that are not requested by the subscriber or user.
Estatísticas
The technical storage or access that is used exclusively for statistical purposes.The technical storage or access that is used exclusively for anonymous statistical purposes. Without a subpoena, voluntary compliance on the part of your Internet Service Provider, or additional records from a third party, information stored or retrieved for this purpose alone cannot usually be used to identify you.
Marketing
The technical storage or access is required to create user profiles to send advertising, or to track the user on a website or across several websites for similar marketing purposes.
Benvidos e benvidas á páxina web do Consello Consultivo de Galicia
Como presidente do Consello, e en nome de todos os que integramos esta institución, quero agradecer a súa visita á nosa sede virtual. Énchenos de orgullo abrir esta xanela ao público, ofrecendo un acceso transparente e directo ao noso labor de asesoramento xurídico á administración galega.
O Consello Consultivo de Galicia é o supremo órgano consultivo da Xunta e das administracións públicas galegas, e en pleno século XXI, a comunicación aberta e fluída coa cidadanía é máis importante que nunca. Esta páxina web non só é unha canle para informar, senón tamén unha ferramenta útil que facilita o acceso á nosa doutrina xurídica, consolidada ao longo de case tres décadas de traballo. Aquí poderán consultar os máis de 18.000 informes e ditames emitidos, así como as memorias anuais que trasladamos ao Goberno da Xunta de Galicia.
A tecnoloxía e a intelixencia artificial xa son unha realidade no noso Consello Consultivo. Estas ferramentas permítennos ser máis eficientes e accesibles, o que reforza o noso compromiso coa transparencia e a innovación no ámbito xurídico. Estamos convencidos de que estas innovacións axudarannos a seguir sendo un referente na mellora da calidade normativa para Galicia.
Comprometémonos a manter unha relación próxima e accesible cos cidadáns, compartindo de forma clara as resolucións que emitimos. O noso obxectivo é seguir sendo un referente xurídico para Galicia, contribuíndo á mellora das decisións administrativas e fortalecendo o marco legal que rexe a nosa convivencia.
Desde o Consello Consultivo traballamos cun propósito claro: mellorar a calidade normativa da nosa comunidade, dotándoa de ferramentas xurídicas sólidas que protexan e defendan os seus intereses. É unha honra para min presidir esta institución no seu continuo labor pola defensa da legalidade na actuación administrativa que redunde, en última instancia, no benestar de toda a cidadanía.