O Consello Consultivo de Galicia analizou en febreiro uns 50 expedientes nas sesións do Pleno e da Sección de Ditames

O Consello Consultivo de Galicia analizou en febreiro uns 50 expedientes nas sesións do Pleno e da Sección de Ditames

A maioría dos ditames corresponderon a reclamacións de responsabilidade patrimonial

 

Santiago de Compostela, 3 de marzo de 2026.- O Consello Consultivo de Galicia, presidido por Andrés Lago Louro, celebrou no mes de febreiro dous sesións do Pleno do órgano e catro sesións da Sección de Ditames, que implicaron analizar e pronunciarse sobre medio cento de expedientes, tal e como recollen as correspondentes ordes do día. A maioría dos asuntos abordados nas reunións foron reclamacións de responsabilidade patrimonial.

De acordo coa súa competencia para velar polo rigor técnico xurídico, o Consello Consultivo de Galicia atendeu, nas sesións plenarias celebradas no segundo mes de 2026,  á solicitude realizada por departamentos da Xunta en relación aos ditames preceptivos correspondentes a dous proxectos de decretos autonómicos relacionados co ámbito cultural e educativo, respectivamente.

En febreiro, á marxe dos expedientes propiamente ditos, tamén se someteron ao Pleno do órgano consultivo outros asuntos, entre eles, a designación do vogal titular en representación do Consultivo na Comisión de Transparencia, conforme ao artigo 33 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno de Galicia.

 

SECCIÓN DE DITAMES

Polo que se refire á actividade da Sección de Ditames do Consello Consultivo de Galicia, ao longo do mes de febreiro deste ano houbo catro reunións que, de acordo coas respectivas ordes do día, supuxeron a análise e o ditame dun total de 48 expedientes, dos que máis do 85 por cento tiñan que ver con reclamacións de responsabilidade patrimonial.

En concreto, houbo 41 ditames referidos a reclamacións de responsabilidade patrimonial, dos que 35 facían referencia ao ámbito sanitario e, máis concretamente, a falecementos ou danos relacionados con doenzas, diagnósticos e/ou tratamentos.

Os restantes expedientes por responsabilidade patrimonial tiñan que ver con dous caídas en espazos exteriores, un falecemento nun accidente nunha rúa,  outro por danos nun vehículo afectado polo incendio nuns contedores, un por danos nun edificio polas obras nun aparcamento subterráneo e outro en relación a danos polo anormal funcionamento dos servizos sociais nun concello.

Asemade, nas catro sesións da mencionada sección do órgano consultivo tamén se procedeu á elaboración de dous ditames referidos ao establecemento do equilibrio económico na concesión de servizo público e se afrontaron 5 revisións de oficio e dous recursos extraordinarios de revisión pola denegación de subvencións e/ou axudas. De conformidade coas ordes do día, tamén foron abordados outros dous expedientes referidos á revisións de oficio de resolucións e/ou decretos de alcaldías; e, por último, outro correspondente a unha declaración de caducidade de concesión administrativa municipal para un estacionamento público.

Esta actividade de febreiro desenvolveuse de acordo ao previsto na Lei 3/2014, do 24 de abril do Consello Consultivo de Galicia (LCCG) e na súa modificación pola Lei 2/2023, do 14 de marzo; así como, no Decreto 91/2015, do 18 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de organización e funcionamento do Consello Consultivo de Galicia.

O Consello Consultivo de Galicia, unha vez aprobados os correspondentes ditames sobre os diferentes asuntos, deu traslados dos mesmos ás  administracións que presentaron a solicitude que deu orixe ao inicio do procedemento. Con posterioridade, segundo a normativa aplicable e unha vez atendida a obriga de protección de datos sobre os textos, os ditames estarán accesibles no Rexistro de Ditames e Informes da páxina web o órgano.

Galego