Comeza en marzo a formación de 2026 dirixida a empregados públicos que estudarán as materias que aborda o Consello Consultivo de Galicia
Un cento de inscritos ampliarán ata abril os seus coñecementos sobre contratación pública e responsabilidade patrimonial das entidades locais grazas á colaboración do órgano consultivo e da EGAP
Están programados outros seis cursos para o primeiro semestre deste ano
Santiago de Compostela, 5 de marzo de 2026.- Un total de 100 empregados públicos das entidades locais e do sector público autonómico de Galicia estrean en marzo ás accións formativas correspondentes a o primeiro semestre deste ano e que están centradas no funcionamento e no traballo que realiza o Consello Consultivo de Galicia. Será a través de dúas actividades de teleformación que iniciarán as súas sesións a vindeira semana e que se prolongarán ata abril.
Ao amparo do convenio de colaboración vixente entre o órgano consultivo de Galicia e a Escola Galega de Administración Pública (EGAP), unha vez resolto o proceso de matriculación, o vindeiro luns, 9 de marzo, impartirase a primeira das sesións do curso “A intervención do Consello Consultivo de Galicia na contratación pública” e, o mércores 11 de marzo, chegará o inicio do “Curso práctico sobre responsabilidade patrimonial das entidades locais”.
Hai que salientar o interese do persoal público nestes cursos, xa que en ambos casos quedou cuberta a matrícula ofertada, que era de 50 prazas para cada un deles. Na lista de reserva para a teleformación sobre a intervención do órgano consultivo en materia de contratación pública quedaron inscritas 79 persoas; mentres que para afondar nas cuestións prácticas relacionadas coa responsabilidade patrimonial en asuntos municipais quedaron admitidos e pendentes de praza 266 persoas.
A primeira das accións formativas, que se desenvolverá entre o 9 de marzo e o 13 de abril deste ano, inclúe a impartición de nove temas, que permitirán aos alumnos coñecer mellor a composición, competencias, organización e funcionamento do Consello Consultivo de Galicia.
FORMACIÓN EN CASOS PRÁCTICOS
Preténdese ofrecer ao persoal público unha análise das competencias substantivas outorgadas pola Lei de Contratos do Sector Público (LCSP) aos órganos consultivos, e aos trámites e procedementos a través dos que se exercen estas competencias.
En concreto, forma parte desta formación a análise e estudo de casos prácticos relacionados coa interpretación e a modificación dos contratos administrativos e concesións administrativas; e coa resolución de contratos e coa extinción de adxudicacións, licencias, cesións e/ou contratos adoptados polas entidades locais.
Nas diferentes sesións tamén se abordarán, desde unha perspectiva práctica, diferentes actos administrativos relacionados coa contratación pública como: a revisión de oficio, a responsabilidade patrimonial, o recurso especial nesta materia, a contratación pública socialmente responsable; e, por último, as cláusulas sociais e medioambientais en licitación, concurso e compra pública.
CRITERIOS ESPECÍFICOS
O segundo dos cursos cos que arranca a formación de 2026 se desenvolverá entre o 11 de marzo e o 15 de abril, tamén na modalidade de teleformación. Neste caso, os contidos programados están estruturados en nove temas que presentan especial interese para aquel persoal funcionario que tramite calquera tipo de expediente relativo á exixencia de responsabilidade patrimonial perante o órgano ou dependencia en que prestan servizos.
No marco de relación e colaboración entre o Consello Consultivo de Galicia e as entidades locais, a formación fará unha análise da normativa e outra de carácter práctico dos diferentes supostos sobre responsabilidade patrimonial, partindo dos máis recentes pronunciamentos xurisprudenciais na materia e do estudo de criterios específicos dos órganos consultivos.
Os empregados públicos participantes neste curso adquirirán coñecementos sobre a regulación actual e as características das obrigas e competencias da Administración; así como sobre os procedementos ordinario e abreviado en materia de responsabilidade patrimonial. Outras cuestións a tratar nesta formación xirarán sobre a responsabilidade de autoridades e persoal ao servizo das administracións públicas e tamén sobre a que teñen contratistas e concesionarios.
As sesións formativas inclúen o estudo da responsabilidade por actos de natureza lexislativa, así como sobre o detalle da responsabilidade por danos e perxuízos por actuacións urbanísticas e sobre as especialidades da responsabilidade patrimonial sanitaria.
OUTROS CURSOS
Trala publicación no Diario Oficial de Galicia (DOG) da resolución da EGAP e, unha vez resolto o proceso de matriculación, outras accións formativas serán: “A función consultiva do Consello Consultivo de Galicia”, “A responsabilidade patrimonial por razóns de carácter urbanístico. Os supostos indemnizatorios” e “A revisión en vía administrativa de títulos habilitantes de natureza urbanística”.
Completan a oferta formativa, adscrita a área de Comunicación, organización do traballo e mellora das habilidades do persoal público, outros tres cursos que abordarán cuestións como “Elaboración de disposicións administrativas de carácter xeral”, “O procedemento de responsabilidade patrimonial: irregularidades, defectos e cuestións prácticas” e “Os recursos administrativos na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas”.
Todos estes cursos, que contan con 50 prazas cada un, vanse desenvolver en diferentes datas comprendidas entre o 9 de marzo e o 22 de xuño deste ano, en formato de teleformación; con datas de exame fixadas para cada caso entre o 16 de abril e o 26 de xuño de 2026.
O Consello Consultivo de Galicia e a EGAP, froito dun convenio de colaboración, promoven o desenvolvemento de actividades de carácter formativo, divulgador e investigador en materias da súa competencia. Trátase de contribuír a un mellor coñecemento do órgano consultivo, co obxectivo de un mellor cumprimento das funcións atribuídas en cada caso e en beneficio da cidadanía e da sociedade galega.
Manage Cookie Consent
Utilizamos cookies propias e de terceiros para optimizar o noso sitio web e o noso servizo.
Funcionais
Always active
The technical storage or access is strictly necessary for the legitimate purpose of enabling the use of a specific service explicitly requested by the subscriber or user, or for the sole purpose of carrying out the transmission of a communication over an electronic communications network.
Preferencias
The technical storage or access is necessary for the legitimate purpose of storing preferences that are not requested by the subscriber or user.
Estatísticas
The technical storage or access that is used exclusively for statistical purposes.The technical storage or access that is used exclusively for anonymous statistical purposes. Without a subpoena, voluntary compliance on the part of your Internet Service Provider, or additional records from a third party, information stored or retrieved for this purpose alone cannot usually be used to identify you.
Marketing
The technical storage or access is required to create user profiles to send advertising, or to track the user on a website or across several websites for similar marketing purposes.
Benvidos e benvidas á páxina web do Consello Consultivo de Galicia
Como presidente do Consello, e en nome de todos os que integramos esta institución, quero agradecer a súa visita á nosa sede virtual. Énchenos de orgullo abrir esta xanela ao público, ofrecendo un acceso transparente e directo ao noso labor de asesoramento xurídico á administración galega.
O Consello Consultivo de Galicia é o supremo órgano consultivo da Xunta e das administracións públicas galegas, e en pleno século XXI, a comunicación aberta e fluída coa cidadanía é máis importante que nunca. Esta páxina web non só é unha canle para informar, senón tamén unha ferramenta útil que facilita o acceso á nosa doutrina xurídica, consolidada ao longo de case tres décadas de traballo. Aquí poderán consultar os máis de 18.000 informes e ditames emitidos, así como as memorias anuais que trasladamos ao Goberno da Xunta de Galicia.
A tecnoloxía e a intelixencia artificial xa son unha realidade no noso Consello Consultivo. Estas ferramentas permítennos ser máis eficientes e accesibles, o que reforza o noso compromiso coa transparencia e a innovación no ámbito xurídico. Estamos convencidos de que estas innovacións axudarannos a seguir sendo un referente na mellora da calidade normativa para Galicia.
Comprometémonos a manter unha relación próxima e accesible cos cidadáns, compartindo de forma clara as resolucións que emitimos. O noso obxectivo é seguir sendo un referente xurídico para Galicia, contribuíndo á mellora das decisións administrativas e fortalecendo o marco legal que rexe a nosa convivencia.
Desde o Consello Consultivo traballamos cun propósito claro: mellorar a calidade normativa da nosa comunidade, dotándoa de ferramentas xurídicas sólidas que protexan e defendan os seus intereses. É unha honra para min presidir esta institución no seu continuo labor pola defensa da legalidade na actuación administrativa que redunde, en última instancia, no benestar de toda a cidadanía.