O Consello Consultivo de Galicia analiza en maio máis de 40 expedientes nas sesións do Pleno e da Sección de Ditames

O Consello Consultivo de Galicia analiza en maio máis de 40 expedientes nas sesións do Pleno e da Sección de Ditames

Houbo 34 reclamacións de responsabilidade patrimonial, das que 23 corresponderon ao ámbito sanitario

 

Santiago de Compostela, 29 de maio de 2026.- O Consello Consultivo de Galicia, presidido por Andrés Lago Louro, celebrou este mes de maio dúas sesións do Pleno do órgano e catro sesións da Sección de Ditames, que implicaron abordar un total de 42 expedientes, tal e como recollen as correspondentes ordes do día. A maioría dos asuntos abordados nas reunións de maio, como ven sendo habitual, foron reclamacións de responsabilidade patrimonial.

O máximo órgano consultivo de Galicia está encargado de velar polo rigor técnico xurídico das normas e decisións administrativas. Neste contexto, as sesións plenarias do Consello celebradas en maio de 2026 serviron para abordar cuestións de organización interna e tamén para ditaminar a solicitude realizada pola Administración autonómica en relación a un proxecto de decreto no ámbito de función pública.

Polo que se refire á actividade da Sección de Ditames do Consello Consultivo de Galicia, ao longo deste mes houbo catro reunións que, de acordo coas respectivas ordes do día, supuxeron o estudo e o pronunciamento sobre un total de 41 expedientes relativos a diferentes actuacións administrativas.

 

RESPONSABILIDADE PATRIMONIAL

 

Do total de documentos analizados, 34 corresponderon a reclamacións de responsabilidade patrimonial referidas ao ámbito sanitario,  a caídas de persoas en espazos públicos exteriores e a outras de diferente tipoloxía. Máis concretamente, o asesoramento xurídico maioritario tivo que ver con 23 casos de responsabilidade patrimonial no ámbito sanitario en relación a reclamacións por falecementos ou danos relacionados con doenzas, diagnósticos e/ou tratamentos.

Asemade, o órgano consultivo tamén analizou nas sesións de maio da Sección de Ditames outros asuntos, entre eles, catro revisións de oficio de diferentes materias, dúas resolucións dun contrato de obras de humanización de rúas e un expediente referido a unha declaración de caducidade da concesión administrativa.

Como é habitual, a actividade de maio desenvolveuse, en prazos e procedemento, de acordo ao previsto na Lei 3/2014, do 24 de abril do Consello Consultivo de Galicia (LCCG) e na súa modificación pola Lei 2/2023, do 14 de marzo; así como, no Decreto 91/2015, do 18 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de organización e funcionamento do Consello Consultivo de Galicia.

O Consello Consultivo de Galicia, unha vez aprobados os correspondentes ditames sobre os diferentes asuntos, da traslado dos mesmos ás  administracións que presentaron a solicitude que deu orixe ao inicio do procedemento. Con posterioridade, segundo a normativa aplicable e unha vez atendida a obriga de protección de datos sobre os textos, os ditames estarán accesibles na base de datos dispoñible na páxina web do órgano.

Galego