Carmen Calvo visita por primeira vez o Consello Consultivo de Galicia

Carmen Calvo visita por primeira vez o Consello Consultivo de Galicia: un paso adiante na cooperación entre órganos consultivos

Santiago, 13 de maio de 2025. A presidenta do Consejo de Estado, Carmen Calvo, realizou unha visita institucional ao Consello Consultivo de Galicia, nun acto que pon en valor o papel esencial dos órganos consultivos no fortalecemento do Estado de Dereito e no bo funcionamento da democracia.

Durante o encontro, o presidente do Consello Consultivo de Galicia agradeceu a presenza de Calvo e salientou a importancia de dar visibilidade á institución, “un espazo de reflexión xurídica que contribúe a garantir a legalidade na actuación administrativa”.

Carmen Calvo destacou que tanto o Consello de Estado como os consellos consultivos autonómicos son pezas chave do sistema democrático, ao ofrecer seguridade xurídica e estabilidade institucional. “Somos a cara discreta do Estado, quen vela pola calidade normativa, a mellora da administración pública e a protección dos dereitos e liberdades”, afirmou.

A presidenta do Consello de Estado expresou o seu desexo de reforzar a coordinación entre órganos consultivos, especialmente ante fitos próximos como o 30.º aniversario do Consello Consultivo de Galicia e os 500 anos do Consejo de Estado. “A democracia é tamén colaboración, e estamos aquí para compartir experiencias e seguir axudando no día a día dun gran Estado democrático como o noso”, sinalou.

Preguntada pola situación política actual, Calvo fixo un chamamento a recuperar o equilibrio entre a lexítima confrontación e a cooperación institucional, lembrando que tanto Goberno como oposición teñen responsabilidades que deben exercer con vocación de servizo público. “Á democracia fáltalle equilibrar o lado colaborativo co lado competitivo”, apuntou.

Así mesmo, defendeu a inviolabilidade das comunicacións privadas ao ser preguntada pola filtración de mensaxes persoais do presidente do Goberno, e explicou que “en termos xurídicos, ninguén debería ver publicados os seus mensaxes privados”.

Sobre o recente ditame do Consello de Estado que avala o anteproxecto de lei para o novo acceso á carreira xudicial, Calvo salientou que foi aprobado por unanimidade tras unha análise rigorosa e técnica, aliñada co dereito comparado europeo. Aínda que non pode detallar o seu contido, por corresponder ao órgano consultante (neste caso, o Goberno de España), asegurou que o ditame responde á necesidade de modernizar normativas con máis de 40 anos de vixencia e dar resposta aos compromisos europeos sobre a estabilización do emprego público.

A visita enmárcase nunha rolda institucional que a presidenta do Consello de Estado está a realizar aos órganos consultivos das distintas comunidades autónomas por orde de antigüidade, co obxectivo de reforzar os lazos de colaboración, compartir experiencias e estreitar a coordinación entre institucións que, desde distintos niveis territoriais, traballan para fortalecer o Estado de Dereito.

O órgano supremo de consulta da Xunta e das administracións públicas galegas celebra, así, un fito na súa historia institucional con esta visita, que supón un respaldo ao labor técnico e xurídico desenvolvido desde Galicia en materia de asesoramento normativo.

Galego