O Consello Consultivo de Galicia xa é finalista nos Premios de Internet 2025

O Consello Consultivo de Galicia xa é finalista nos Premios de Internet 2025

  • Os gañadores daranse a coñecer na gala de entrega, que se celebrará o 16 de maio no Senado, coincidindo co Día Mundial de Internet.
  • A intelixencia artificial do supremo órgano consultivo da Xunta e das administracións públicas galegas compite coa Agencia Española de Protección de Datos e o Ministerio de Justicia.
  • Nesta 30.ª edición, presentáronse un total de 251 candidaturas e recibíronse máis de 35.000 votos en liña.

 

Santiago, 8 de maio de 2025. O Consello Consultivo de Galicia foi seleccionado como finalista nos Premios de Internet 2025 grazas á súa innovadora ferramenta de intelixencia artificial, LexIA. Este recoñecemento, enmarcado na categoría de Transformación Dixital – Administracións Públicas, sitúa á nosa institución ao nivel de iniciativas de referencia como a Agencia Española de Protección de Datos e a Carpeta de Justicia do Ministerio de Justicia, coas que compartimos final nesta edición.

A versión de LexIA presentada a estes premios é a dun avatar de intelixencia artificial xerativa, deseñado sen custo, que achega o funcionamento do Consello á cidadanía, explicando de forma clara e accesible o que facemos. Ademais, LexIA está dispoñible tamén en galego, reforzando o noso compromiso coa inclusión lingüística e coa innovación responsable.

Grazas a esta iniciativa, a nosa compañeira Vanessa Brea Lago recibiu o terceiro premio á persoa empregada pública máis innovadora, outorgado pola Axencia Galega de Innovación (GAIN).

Nesta 30.ª edición dos Premios de Internet, presentáronse un total de 251 candidaturas e recibíronse máis de 35.000 votos en liña. O xurado, composto por representantes das 62 organizacións do Comité de Impulso do Día de Internet, seleccionou as finalistas en cinco categorías: Transformación Dixital, Marca Persoal e Creadores de Contido, Emprendemento e Investigación, e Cidadanía Dixital.

Os gañadores daranse a coñecer o vindeiro 16 de maio, durante a gala de entrega que terá lugar no Senado, coincidindo co Día Mundial de Internet. O acto será conducido pola xornalista Macarena Berlín e contará coa participación de Impromadrid Teatro.

Desde o Consello Consultivo de Galicia agradecemos esta distinción, que nos anima a seguir apostando por unha administración máis próxima, moderna e comprometida co futuro dixital de Galicia.

Data da gala: Venres 16 de maio, 12:00 h

Lugar: Senado (Madrid)

Retransmisión en liña: premiosdeinternet.org/gala

Galego