Alba Sandar no Consello Consultivo de Galicia: onde a vocación se atopa coa innovación

Alba Sandar no Consello Consultivo de Galicia: onde a vocación se atopa coa innovación

 

  • “Estas prácticas abríronme a posibilidade dunha vocación que non coñecía”.
  • “A intelixencia artificial pode axudar, pero sempre cun xurista detrás”.
  • “Nunca traballara con expedientes auténticos. Aquí fíxeno desde o primeiro día”.

 

Santiago, 8 de abril de 2025. Durante o mes de marzo, o Consello Consultivo de Galicia contou con Alba Sandar Casal, estudante de cuarto curso do Grao en Dereito na USC, como alumna en prácticas. Natural de Lugo, Alba chegou á institución con curiosidade, sen saber exactamente o que se atoparía, e marchou cunha vocación moito máis definida e cunha valiosa experiencia profesional ás súas costas.

Descubrindo unha vocación

Antes de iniciar as prácticas, Alba non tiña unha idea clara do traballo que se realizaba no Consello Consultivo. Foi, precisamente, esta estancia a que lle permitiu achegarse por primeira vez ao dereito administrativo desde unha perspectiva práctica e aplicada a casos reais, o que supuxo para ela unha auténtica revelación profesional: “Estas prácticas axudáronme a definir mellor os meus intereses. Abríronme a posibilidade dunha vocación que non coñecía”.

Aprender facendo

Alba enfrontouse a expedientes reais e elaborou ditames baixo a tutela dun equipo que non só lle transmitiu coñecementos, senón tamén proximidade e profesionalidade. Natalia Solar, a letrada encargada do seu primeiro ditame, foi clave no seu proceso de adaptación, guiándoa paso a paso e explicándolle con detalle como abordar un caso de responsabilidade patrimonial. Pola súa banda, o conselleiro Alberte Souto, co seu estilo didáctico e accesible, contribuíu a reforzar a súa aprendizaxe, mentres que o secretario do Pleno e das Seccións, Santiago Valencia, amosoulle a importancia dos detalles e a dimensión máis técnica do traballo xurídico.

 

Unha experiencia enriquecedora

A experiencia no Consello non só cumpriu, senón que superou as expectativas de Alba: “Non tiña moitas, pero se se cumpriron, foron positivas”. A alumna destaca especialmente a posibilidade de traballar sobre expedientes auténticos, algo que raramente ocorre na aula universitaria: “Ves todas as probas, aínda que coa información sensible debidamente protexida, e podes interpretar as normas de forma real”.

En especial, gozou traballando sobre casos de responsabilidade patrimonial, onde atopou un equilibrio entre rigor xurídico e capacidade interpretativa. “Gustoume moito máis porque che permite aplicar a norma desde distintas perspectivas, sempre dentro do ordenamento xurídico, claro”.

Un recibimento que non esquecerá

Entre os momentos máis especiais da súa estancia na institución, Alba lembra cun sorriso o día da súa chegada: “Non me esperaba ese recibimento. Impactoume ver a todos os meus titores e á conselleira Nora Martínez agardando por min na entrada. Sentinme moi arroupada desde o primeiro momento”.

Mirando ao futuro

Alba non dubida en afirmar que lle encantaría volver colaborar co Consello Consultivo no futuro. Ademais, considera que iniciativas de divulgación como a presenza en redes sociais, mesmo en plataformas como TikTok, poderían axudar a achegar o traballo do Consello á mocidade, explicando de forma sinxela e visual cuestións xurídicas complexas.

Tamén se amosa moi interesada no papel da intelixencia artificial no ámbito xurídico, aínda que insiste na importancia do compoñente humano: “Pode facilitar moito, sobre todo como buscador de xurisprudencia, pero sempre debe haber un xurista detrás interpretando”.

Unha experiencia que deixa pegada

A modo de peche, Alba resúmeo con claridade: “Esta experiencia abríume as portas a coñecer o dereito público, que me interesa máis do que pensaba. Véxome dedicándome a iso”.

Desde o Consello Consultivo de Galicia, non podemos máis que agradecer o seu entusiasmo, o seu respecto e as súas ganas de aprender. Persoas como Alba son o futuro do Dereito.

Alba Sandar Casal, nun dos espazos do Pazo de Amarante, sede do Consello Consultivo de Galicia.

Durante unha xornada de traballo, revisa documentación institucional baixo o tapiz co emblema do Consello Consultivo de Galicia.

Sandar, xunto a unha das obras de arte contemporánea que decoran o salón de plenos.
Galego