Costa Pillado presenta a memoria 2020 do Consultivo ó presidente Núñez Feijoo

O Consultivo emitiu 368 ditames no primeiro ano da pandemia. A maioría dos expedientes informados corresponden a asuntos de sanidade (214)

O presidente do Consello Consultivo de Galicia, José Luis Costa Pillado, ven de presentar ó presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijoo, a memoria anual 2020 do organismo na que se fan constar 368 expedientes avaliados, dos cales cómpre salientar que 214 corresponden a asuntos relacionados coa sanidade. No balance xeral presentado a Núñez Feijoo constan 143 expedientes menos que no exercicio anterior, descenso xustificado pola pandemia que impediu o normal desenvolvemento da actividade administrativa en xeral.

A administración autonómica volve ser a que máis casos somete a consulta, con 269, seguida da administración local con 98 asuntos e a universitaria con un só caso. En termos porcentuais, a Xunta aglutina un 73,10 por cento do expedientes, mentres que deputacións e concellos quédanse nun 26,63 por cento.

No ámbito da administración galega, a consellería de Sanidade foi de novo a que máis expedientes elevou a consulta (214), seguida de Facenda e Administración Pública (21), Vicepresidencia e consellería de Presidencia, AA.PP e Xustiza (5), Educación, Universidade e FP (5), Política Social (5), Medio Ambiente, Territorio e Vivenda (4), Mar con 3 e o resto de consellerías con 2 ou menos consultas.

[Tendo en conta o troco de estrutura orgánica na Xunta, tralo decreto 110/2020, do 6 de setembro, os datos reflicten que a anterior consellería de Facenda remitiu 9 expedientes e a nova consellería de Facenda e Administración Pública 12 expedientes. A consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional realizou 5 consultas, mentres que a actual consellería de Cultura, Educación e Universidade presentou 2 expedientes].

Respecto da administración local, a provincia que elevou máis expedientes a consulta foi Pontevedra (45) co Concello de Vigo en cabeza (16); a segunda foi A Coruña con 38, e a cidade herculina en primeiro lugar con 15; a provincia de Lugo 11 e a provincia de Ourense só 2.

Entre os concellos que máis expedientes remitiron, despois de Vigo e A Coruña, sitúanse Santiago de Compostela con 6, Pontevedra con 4 e A Cañiza con outros 4.

 

Competencias sanitarias dos concellos

O informe máis salientable pola influencia do ano pandémico foi o referente á posibilidade legal de alcaldes e alcaldesas de exercer competencias en materia sanitaria no ámbito dos seus concellos. O criterio do Consello Consultivo é que os rexedores municipais “ostentan a competencia para a vixiancia, inspección e control do cumprimento das medidas de prevención e obrigacións establecidas no Real Decreto Lei 21/2020, do 9 de xuño, de medidas urxentes de prevención, contención e coordinación para facer fronte á crise sanitaria ocasionada pola COVID-19, no ámbito das súas competencias do control sanitario de industrias, actividades, servizos e transportes e de control sanitario de edificios e lugares de vivenda e convivencia humana…”

Do mesmo xeito, os municipios poden exercer “a competencia para incoar, tramitar e resolver os expedientes sancionadores que procedan cando os incumprimentos daquelas medidas e obrigacións sexan subsumibles nalgún dos supostos-tipo de infracción definidos legalmente como infraccións administrativas en saúde pública e eses incumprimentos se poñan de manifestó no ámbito ó que alcanza a competencia dos concellos…”

 

Incremento tarifario na AP-9

Outro informe que atinxe ó interese xeral de Galicia foi o relativo á elevación tarifaria fixada por Autopistas do Atlántico SA (Audasa) para a utilización da autopista que cruza o noso territorio, AP-9. Segundo as conclusións do informe, “son improcedentes” os incrementos extraordinarios de tarifas acordados como sistema de compensación polos investimentos realizados, tal e como plantexa a empresa.

 

Outros informes redactados polo CCG fan referencia ós méritos no concurso dos habilitados nacionais; un sobre a aplicación dos preceptos en vigor do Convenio Colectivo de Persoal Laboral e do Acordo Marco de Persoal Funcionario dun Concello; outro sobre a solicitude de indemnización por razón de servizo polo danos sufridos a causa dunha terceira persoa declarada insolvente por un policía local no exercicio das funcións propias do seu posto de traballo; e outro respecto do alcance dun aspecto concreto do réxime xurídico-urbanístico previsto no artigo 40 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia (LSG) para as denominadas “edificacións tradicionais” emprazadas en solo calificado como núcleo rural e rústico.

Galego