O Consultivo e a Fegamp asinan un convenio para reforzar o asesoramento xurídico ós concellos

O presidente do Consello Consultivo de Galicia (CCG), José Luis Costa Pillado, e o presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP), Alberto Varela Paz, asinaron hoxe un convenio de colaboración que permitirá habilitar novas ferramentas para ampliar e reforzar as canles de asesoramento xurídico ós concellos galegos.

No antedito convenio o Consello Consultivo comprométese a facilitar o acceso da FEGAMP ás bases de datos de ditames do organismo, ademais de remitirlle resumos da doutrina dimanante dos informes elaborados pola Sección de Estudos e Informes que non son obxecto de publicación na páxina web do CCG, e que poidan resultar de interese para as entidades locais. Así mesmo, remitiránse á federación municipal os ditames máis relevantes e as memorias anuais da institución consultiva.

Pola súa banda, a FEGAMP vai divulgar entre os concellos galegos os resumos de doutrina dos ditames máis relevantes remitidos polo Consello Consultivo; exercerá como canle de comunicación entre o CCG e as entidades locais galegas en todas as materias que sexan de interese para estas; tamén difundirá e fomentará entre os entes municipais o uso das ferramentas de comunicación electrónica para a remisión de solicitudes e consultas ó Consello Consultivo.

Ambas institucións tamén se comprometen á realización conxunta de cursos, xornadas, seminarios e outras actividades de divulgación, sen desbotar outras que sexan consideradas de interese común.

As dúas entidades pretenden promover una administración pública galega coordinada, cohesionada, interrelacionada, e polo tanto eficiente e útil para a cidadanía.

Galego