O Consello Consultivo de Galicia analiza en marzo case 60 expedientes nas sesións do Pleno e da Sección de Ditames

O Consello Consultivo de Galicia analiza en marzo case 60 expedientes nas sesións do Pleno e da Sección de Ditames

A maioría dos ditames corresponden a reclamacións de responsabilidade patrimonial, con 40 expedientes

Santiago de Compostela, 30 de marzo de 2026.- O Consello Consultivo de Galicia, presidido por Andrés Lago, celebrou en marzo tres sesións do Pleno do órgano e catro sesións da Sección de Ditames, que implicaron analizar e pronunciarse sobre arredor de 60 expedientes, tal e como recollen as correspondentes ordes do día. A maioría dos asuntos abordados nas reunións de marzo foron reclamacións de responsabilidade patrimonial.

De acordo coa súa competencia para velar polo rigor técnico xurídico, o Consello Consultivo de Galicia, entre os expedientes tratados nas sesións plenarias celebradas no mes de marzo de 2026, atendeu á solicitude realizada pola Administración autonómica en relación aos ditames correspondentes a un proxecto de decreto no ámbito de persoal das administracións e a outro proxecto de orde relacionada con elementos suxeitos a reducións fiscais.

Polo que se refire á actividade da Sección de Ditames do Consello Consultivo de Galicia, ao longo do mes de marzo deste ano houbo catro reunións que, de acordo coas respectivas ordes do día, supuxeron a análise e o ditame dun total de 56 expedientes, dos que a maioría corresponderon a reclamacións de responsabilidade patrimonial.

RESPONSABILIDADE PATRIMONIAL

En concreto, houbo 40 ditames referidos a reclamacións de responsabilidade patrimonial, dos que 26 facían referencia ao ámbito sanitario e, máis concretamente, a falecementos ou danos relacionados con doenzas, diagnósticos e/ou tratamentos. Os restantes expedientes por responsabilidade patrimonial tiñan que ver con seis caídas en espazos exteriores, un accidente de circulación en motocicleta ou con danos relacionados con obras ou demolicións, entre outros. Ademais, foi obxecto de análise a responsabilidade patrimonial contractual dun servizo de xestión dun refuxio de animais correspondente a una mancomunidade de municipios.

Nas catro sesións da mencionada sección do órgano consultivo tamén se procedeu a decidir sobre nove solicitudes de declaración de nulidade de pleno dereito, das que cinco eran en relación con expedientes de transmisións patrimoniais e as outras catro correspondían a expedientes de sucesións. De conformidade coas ordes do día, a Sección de Ditames  abordou ao longo do mes de marzo catro resolucións de contrato administrativo, das que tres correspondían a obras de rehabilitación e unha a servizos de axuda no fogar.

Entre os asuntos tratados, o órgano consultivo tamén realizou ditame sobre un recurso extraordinario de revisión contra a resolución desestimatoria do recurso de alzada presentado contra unha resolución sancionadora e unha revisión de oficio dunha solicitude de declaración de nulidade de pleno dereito en relación cun expediente de transmisións patrimoniais

NORMATIVA APLICABLE

Esta actividade de marzo desenvolveuse, en prazos e procedemento, de acordo ao previsto na Lei 3/2014, do 24 de abril do Consello Consultivo de Galicia (LCCG) e na súa modificación pola Lei 2/2023, do 14 de marzo; así como, no Decreto 91/2015, do 18 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de organización e funcionamento do Consello Consultivo de Galicia.

O Consello Consultivo de Galicia, unha vez aprobados os correspondentes ditames sobre os diferentes asuntos, deu traslados dos mesmos ás  administracións que presentaron a solicitude que deu orixe ao inicio do procedemento. Con posterioridade, segundo a normativa aplicable e unha vez atendida a obriga de protección de datos sobre os textos, os ditames estarán accesibles na base de datos disponible na páxina web do órgano.

Galego