Aberta a matricula para os cursos que o Consello Consultivo de Galicia e a EGAP desenvolverán a partir de setembro de 2026

Aberta a matricula para os cursos que o Consello Consultivo de Galicia e a EGAP desenvolverán a partir de setembro de 2026

Están programados oito cursos que suman máis de 200 horas formativas para mellorar as competencias xurídico-administrativas dos empregados públicos

 

Santiago de Compostela, 3 de xuño de 2026.- O persoal empregado público das entidades locais e do sector público autonómico de Galicia ten de prazo ata o vindeiro 8 de xuño, inclusive, para matriculase de forma telemática en oito actividades formativas convocadas ao amparo do convenio de colaboración vixente entre o Consello Consultivo de Galicia e a Escola Galega de Administración Pública (EGAP). Os cursos, que comezarán a partir de setembro, dan continuidade á actividade xa desenvolvida na primeira metade de 2026.

Trala recente publicación no Diario Oficial de Galicia (DOG) da resolución da EGAP,  están convocadas 50 prazas para cada un dos cursos previstos na segunda metade do ano e que, como é habitual, se desenvolverán na modalidade de teleformación. Ofértanse máis de 200 horas formativas para mellorar as competencias xurídico-administrativas dos empregados públicos galegos, xa que, en función da temática, están deseñados cursos de 33, 30, 24 e 21 horas.

Segundo a programación publicada, os cursos vanse celebrar en diferentes datas comprendidas entre o 8 de setembro e o 22 de novembro; mentres que os  exames están fixados para cada caso entre o 13 de outubro e o 27 de novembro de 2026. Ao inicio da actividade publicarase o correspondente programa na plataforma de teleformación da EGAP e indicaranse as datas propostas das probas de avaliación previstas e que, no caso de ser superadas, implicarán a consecución dun certificado de aproveitamento.

 

MATERIAS DE ESTUDO

 

En concreto, a primeira das accións formativas, programada entre o 8 de setembro e o 8 de outubro, será a denominada “A intervención do Consello Consultivo de Galicia na contratación pública”.

En setembro tamén se desenvolverán outras tres accións:  “A función consultiva do Consello Consultivo de Galicia” (do 15 de setembro ao 18 de outubro), “A responsabilidade patrimonial por razóns de carácter urbanístico. Os supostos indemnizatorios” (do 21 de setembro ao 15 de outubro) e o “Curso práctico sobre responsabilidade patrimonial das entidades locais” (do 28 de setembro ao 28 de outubro).

Completan a oferta formativa, outros cursos que abordarán cuestións como “Elaboración de disposicións administrativas de carácter xeral” (do 1 ao 22 de outubro), “A revisión en vía administrativa de títulos habilitantes de natureza urbanística” (do 14 de outubro ao 8 de novembro) e “O procedemento de responsabilidade patrimonial: irregularidades, defectos e cuestións prácticas” (do 20 de outubro ao 13 de novembro).

Por último, esta programación para a preparación de empregados públicos na segunda parte do 2026 concluirá co curso “Os recursos administrativos na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas”, que se desenvolverá entre o 2 e o 23 de novembro.

O Consello Consultivo de Galicia e a EGAP, froito dun convenio de colaboración, promoven o desenvolvemento de actividades de carácter formativo, divulgador e investigador en materias da súa competencia. Trátase de contribuír a un mellor coñecemento do órgano consultivo, co obxectivo de un mellor cumprimento das funcións atribuídas en cada caso e en beneficio da cidadanía e da sociedade galega.

Galego