Xornada sobre función consultiva e responsabilidade patrimonial das administracións públicas derivada da Covid-19

Fai uns días o presidente do Consello Consultivo de Galicia, José Luis Costa Pillado, e o secretario xeral, José Ángel Oreiro Romar, asistiron como invitado e ponente, respectivamente, á “Xornada sobre función consultiva e responsabilidade patrimonial das administracións públicas derivada da Covid-19”, celebradas en Segovia polo Consejo Consultivo de Castilla-La Mancha, no campus da Uva en Segovia, coa presenza do Consejo de Estado, que encabeza María Teresa Fernández de la Vega, co resto dos consellos autonómicos.

Nas diversas conferencias e debates participaron destacados xuristas, especialistas na materia e persoal letrado, que trataron temas de máxima actualidade, como as reclamacións do impacto da pandemia e a súa xestión sobre diversos asuntos, como a vacinación, xestión de hospitais, responsabilidade patrimonial sanitaria e responsabilidade patrimonial por danos á actividade económica como a suspensión de contratos.

José Ángel Oreiro Romar, secretario xeral do Consello Consultivo de Galicia, participou como relator na mesa redonda “Responsabilidade patrimonial por danos á actividade económica”, ademais de asistir ás restantes mesas e conferencias da xornada.

É previsible que nos próximos meses esta sexa unha das materia que ocupe boa parte dos ditames dos Consellos Consultivos, polo que a xornada foi o espazo idóneo para compartir coñecementos e doutrina xurídica ao respecto, sendo un tema de gran relevancia práctica e de importante impacto na sociedade actualmente.

Na Xornada destacouse a importante labor dos órganos consultivos en España que garanten o bo goberno polo control da legalidade, das normas e das resolucións administrativas, contribuíndo a defender mellor os dereitos e intereses das persoas, sendo unha labor respaldada por unha indubidable lexitimidade democrática, en palabras do presidente da Junta de Castilla y León, Alfonso Fernández Mañueco. O presidente defendeu que “seguir el criterio, la opinión de los órganos consultivos, evita dificultades a todos los gobiernos, al Gobierno de España, los gobiernos autonómicos, locales”. Finalmente, o presidente destacou que a pandemia “ha dejado un importante cúmulo de secuelas personales y sociales“, para engadir que “no son precisamente menores las consecuencias jurídicas”, que analizan oo persoal letrado e os/as conselleiros/as de toda España, no “ámbito sensible de la responsabilidad patrimonial de las administraciones públicas por aquellas medidas que tuvimos que adoptar durante la pandemia”.

Achegamos fotografía da xornada e programa.

Galego