O Consello Consultivo de Galicia estuda en setembro preto de 50 expedientes nas sesións do Pleno e da Sección de Ditames

O Consello Consultivo de Galicia estuda en setembro preto de 50 expedientes nas sesións do Pleno e da Sección de Ditames

Máis de 35 ditames corresponderon a reclamacións de responsabilidade patrimonial, dos que 20 estiveron relacionados co eido sanitario

 

Santiago de Compostela, 1 de outubro de 2026.- O Consello Consultivo de Galicia, presidido por Andrés Lago Louro, retomou en setembro a súa actividade ordinaria. Así, durante o mes pasado, tiveron lugar  dúas sesións do Pleno do órgano, cinco sesións da Sección de Ditames e unha da Sección de Estudos e Informes, que implicaron abordar medio cento de expedientes, tal e como recollen as correspondentes ordes do día.

O máximo órgano consultivo de Galicia está encargado de velar polo rigor técnico xurídico das normas e das decisións administrativa. Nesta ocasión, as sesións plenarias do Consello celebradas en setembro de 2026 serviron para abordar cuestións de organización interna, entre elas, o estudo da proposta do anteproxecto de orzamento para o exercicio de 2027.

Polo que se refire ao traballo desenvolvido pola Sección de Ditames do Consello Consultivo de Galicia, ao longo do pasado mes houbo cinco reunións que, de acordo coas respectivas ordes do día, supuxeron o estudo e o pronunciamento sobre un total de 48 expedientes relativos a diferentes actuacións administrativas.

 

EXPEDIENTES

 

Do total de documentos analizados, 36 corresponderon a reclamacións de responsabilidade patrimonial referidas ao ámbito sanitario, a caídas de persoas en espazos públicos e a outras tipoloxías. Máis concretamente, o asesoramento xurídico maioritario tivo que ver con 20 casos de responsabilidade patrimonial en relación a reclamacións por falecementos ou por danos relacionados con doenzas, diagnósticos e/ou tratamentos sanitarios.

E tamén houbo sete casos referidos a caídas de persoas en diferentes espazos públicos, mentres que o resto foron expedientes de responsabilidade patrimonial por diferentes causas.

Asemade, o órgano consultivo tamén analizou nas sesións de setembro da Sección de Ditames outros asuntos, entre eles, seis revisións de oficio, tres recursos extraordinarios de revisión sobre procedementos sancionadores, e tres resolucións de contrato (dous referidos a obras e un a subministración de equipamento).

O pasado mes de setembro celebrouse tamén unha sesión da Sección de Estudos e Informes, que analizou un expediente sobre se admitir ou non a petición dun informe sobre a compatibilidade de diversa normativa en materia de solo e de estadas. Ao respecto, foi inadmitida a trámite a citada solicitude, tendo en conta que a consulta non ten cabida nas competencias deste órgano consultivo en base á redacción dos artigos 14 e 21 da Lei 3/2014, do 24 de abril, do Consello Consultivo de Galicia. Polo tanto, procedeuse á devolución do expediente de referencia sen a emisión do informe, consonte o artigo 21.3 da citada Lei 3/2014, do 24 de abril.

Como é habitual, a actividade de setembro desenvolveuse, en prazos e procedemento, de acordo ao previsto na Lei 3/2014, do 24 de abril do Consello Consultivo de Galicia (LCCG) e na súa modificación pola Lei 2/2023, do 14 de marzo; así como, no Decreto 91/2015, do 18 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de organización e funcionamento do Consello Consultivo de Galicia.

O Consello Consultivo de Galicia, unha vez aprobados os correspondentes ditames sobre os diferentes asuntos, da traslado dos mesmos ás administracións que presentaron a solicitude que deu orixe ao inicio do procedemento. Con posterioridade, segundo a normativa aplicable e unha vez atendida a obriga de protección de datos sobre os textos, os ditames estarán accesibles na base de datos dispoñible na páxina web do órgano.

Galego