O Consello Consultivo de Galicia e a USC estreitan lazos e xuntan esforzos en formación e en investigación xurídica

O Consello Consultivo de Galicia e a USC estreitan lazos e xuntan esforzos en formación e en investigación xurídica

Andrés Lago e Rosa Crujeiras asinan un novo convenio marco de colaboración entre ambas institucións que actualiza o vixente desde 2022

 

Santiago de Compostela, 17 de novembro de 2026.- O Consello Consultivo de Galicia e a Universidade de Santiago de Compostela (USC) acordan  estreitar as súas relacións e xuntar esforzos baixo o establecemento dun marco de actuación orientado á colaboración en actividades docentes, formativas, de investigación xurídica e outras que sexan de interese para as dúas partes.

O presidente do Consello Consultivo de Galicia, Andrés Lago Louro, e a reitora da USC, Rosa Crujeiras, veñen de asinar un novo convenio marco de colaboración entre o máximo órgano consultivo e de asesoramento xurídico da comunidade galega e a institución universitaria. O novo acordo, que terá vixencia de catro anos, actualiza e da continuidade o que estaba vixente desde 2022.

Deste xeito, a institución académica compostelá e o supremo órgano consultivo e de asesoramento xurídico da Xunta de Galicia e das administracións públicas da Comunidade, colaborarán na execución de proxectos e/ou programas de investigación xurídica; e cooperarán na organización e execución de programas de formación práctica e de actualización xurídica dirixidos á comunidade universitaria e aos profesionais do Dereito.

Ademais, tamén son modalidades de cooperación previstas no convenio marco a organización de congresos, xornadas ou seminarios docentes e/ou de investigación xurídica e a publicación dos seus resultados; e o acceso do persoal do Consello Consultivo de Galicia (CCG) aos servizos e recursos bibliográficos da Biblioteca da USC.

Cada proxecto e programa de actuación en virtude deste acordo marco será obxecto dun convenio específico que deberá ser aprobado polos órganos de goberno das dúas institucións. O convenio asinado ten unha vixencia de catro anos e poderá ser renovado se as partes así o acordan.

 

CONVENIOS ESPECÍFICOS

O convenio marco, asinado en 2022 e actualizado en 2026, posibilita que a institución universitaria compostelá e o Consello Consultivo de Galicia, a través do correspondente convenio específico de colaboración,  faciliten o acceso do persoal do órgano consultivo aos servizos e recursos bibliográficos da Biblioteca Universitaria da USC.

Asemade, o acordo xeral de colaboración entre ambas institucións tamén propicia, con outro convenio específico, que exista un Practicum USC – CCG, para a realización de prácticas académicas externas curriculares ou extracurriculares do estudantado de grao en Dereito.

Galego