Empregados das administracións galegas amplían coñecementos sobre os recursos administrativos

Empregados das administracións galegas amplían coñecementos sobre os recursos administrativos

  • O Consello Consultivo de Galicia e a EGAP pechan en novembro a oferta de cursos programada para o segundo semestre de 2026

 

Santiago de Compostela, 10 de novembro de 2026.- Un total de 50 empregados públicos das entidades locais, do sector público autonómico de Galicia e das universidades galegas están a participar neste mes de novembro nunha teleformación sobre o procedemento administrativo común e os recursos administrativos, que está organizada polo Consello Consultivo de Galicia e pola Escola Galega de Administración Pública (EGAP)

Durante varias semanas, o alumnado do curso “Os recursos administrativos na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas”, aborda a análise da normativa sobre a revisión de actos firmes e os recursos administrativos, ordinarios ou extraordinarios, que se poden interpor fronte a todo tipo de resolucións administrativas.

Este curso, que se está a desenvolver entre o pasado luns 2 de novembro e ata o vindeiro 23 de novembro,  é o que pecha a oferta formativa programada para o segundo semestre de 2026. En total foron oito accións formativas que, a través de diferentes asuntos e ao longo de máis de 200 horas, contribúen a mellorar as competencias xurídico-administrativas do persoal das administracións públicas galegas.

O coñecemento sobre os recursos administrativos, de especial interese para o persoal que tramita todo tipo de procedementos administrativos, servirá para que poidan  exercer a súa función para todas as actuacións relacionadas cos servizos públicos, incluídas as puramente materiais ou de xestión. Recibirán formación para múltiples dimensións do seu traballo xa que, moitas delas, poden estar suxeitas a eventual recurso administrativo, xa sexa ordinario ou extraordinario.

 

REVISIÓN E RECURSOS

En concreto, a través do estudo de seis temas, os matriculados ampliarán coñecementos sobre a resolución dos procedementos administrativos, a revisión dos actos en vía administrativa como a revisión de oficio e a declaración de lesividade,  a revogación de actos e rectificación de erros, os recursos ordinarios de alzada e de reposición e o recurso extraordinario de revisión.

A programación do curso lembra que a entrada en vigor da Lei 39/2015, do 1 de outubro, supón “unha oportunidade para afianzar o coñecemento da normativa en aspectos tan esenciais e decisivos á hora de resolver un recurso, tales como as causas e os prazos de prescrición, a caducidade, a lexitimación ou a función dos órganos consultivos”.

 

XURISPRUDENCIA

Ademais, a resolución de recursos administrativos dá lugar a unha intensa actividade xurisprudencial de interpretación e integración das leis, un aspecto que o  persoal funcionario que participa na tramitación deste tipo de expedientes precisa coñecer. Ante este  interese xurídico e doutrinal, no curso abórdanse as novidades xurisprudenciais na materia, facendo especial fincapé na doutrina do Tribunal Supremo e Tribunal Constitucional, do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, así como tamén do Consello Consultivo de Galicia.

A través dun convenio de colaboración, O Consello Consultivo de Galicia e a EGAP, comparten o obxectivo de fomentar actividades de carácter formativo, divulgador e investigador en materias da súa competencia. Trátase de contribuír a un mellor coñecemento do órgano consultivo e das cuestións xurídico-administrativas en beneficio da cidadanía e da sociedade galega.

Galego