O Consello Consultivo de Galicia dá a benvida ao maxistrado Andrés Lago Louro, elixido como novo presidente
Santiago, 2 de outubro de 2024. O maxistrado Andrés Lago Louro sucederá nos próximos días ao presidente en funcións do Consello Consultivo de Galicia, o conselleiro José Antonio Fernández Vázquez.
Coa elección, por unanimidade, esta mañá do maxistrado Lago Louro, o Consello Consultivo de Galicia reforza o seu compromiso de continuar cun labor de excelencia e rigor ao servizo de Galicia e das Administracións públicas galegas.
Desde esta institución, queremos felicitar ao maxistrado Lago Louro e desexarlle o maior dos éxitos na súa futura nova responsabilidade como presidente do supremo órgano consultivo de Galicia.
Perfil. O maxistrado Andrés Lago Louro, nado en Louro (Muros) conta cunha destacada traxectoria no ámbito xudicial. Ingresou na carreira xudicial, por quenda libre, en 2004, iniciando a súa andaina no Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG).
Posteriormente, e por concurso de traslado, foi destinado ao Xulgado de Primeira Instancia e Instrución número 1 de Cistierna (Castela e León), onde permaneceu ata o seu regreso a Galicia en 2005.
Ese mesmo ano, comezou a exercer no Xulgado de Primeira Instancia e Instrución número 2 de Corcubión, desempeñando as súas funcións alí ata 2014, cando asumiu a titularidade do Xulgado de Instrución número 3 de Santiago de Compostela.
En 2020, pasou a ocupar a titularidade do Xulgado de Primeira Instancia número 5 de Santiago de Compostela. Ademais, en setembro de 2018 foi elixido por primeira vez xuíz decano de Santiago, sendo reelixido por unanimidade en 2022.
Emisión
-
Publicación
02/10/2024