Comeza un curso sobre a revisión en vía administrativa de títulos habilitantes de natureza urbanística

Comeza un curso sobre a revisión en vía administrativa de títulos habilitantes de natureza urbanística

  • O Consello Consultivo de Galicia e a EGAP manteñen en outubro a teleformación de empregados públicos sobre diferentes aspectos xurídico-administrativos
  • O segundo semestre de 2026 conta cun total de oito cursos que suman 200 horas formativas

 

Santiago de Compostela, 13 de outubro de 2026.- Un total de 50 empregados públicos das entidades locais e do sector público autonómico de Galicia realizarán desde mañá, 14 de outubro, e ata o 8 de novembro a formación no curso “A revisión en vía administrativa de títulos habilitantes de natureza urbanística”, que organizan o Consello Consultivo de Galicia e a Escola Galega de Administración Pública (EGAP).

Esta teleformación, deseñada cunha duración de 24 horas, ten carácter práctico e procura a formación sobre a revisión de títulos administrativos habilitantes en vía administrativa. Os promotores desta actividade destacan que se trata dunha materia que presenta especial interese para aquel persoal funcionario que preste servizos nos departamentos de Urbanismo ou nos servizos de instrución e tramitación de recursos reclamación. Os matriculados adquirirán ou reforzarán coñecementos a través da análise de cada mecanismo de impugnación contemplado na lei  e dos requisitos que deben darse para apreciar a existencia de responsabilidade de acordo coa normativa aplicable e a xurisprudencia que a desenvolve.

A actividade formativa está estruturada en sete módulos para afondar nos detalles que afectan a este tipo de documentos ou actos xurídicos emitidos por administracións públicas. Así, os 50 matriculados reforzarán os seus coñecementos sobre o Consello Consultivo de Galicia; sobre o procedemento e as causas de revisión de oficio de títulos administrativos habilitantes; sobre a declaración de lesividade e sobre a revogación de actos e rectificación de erros de títulos administrativos habilitantes; sobre os recursos ordinarios: recurso de alzada e recurso de reposición nesta materia; e tamén sobre o recurso extraordinario de revisión.

Ao amparo do convenio de colaboración vixente entre o Consello Consultivo de Galicia e a EGAP, entre setembro e novembro deste ano estanse a desenvolver diferentes cursos de teleformación que están orientados a mellorar as competencias xurídico-administrativas dos empregados públicos.

En total son oito actividades formativas que implican unha oferta de máis de 200 horas para mellorar as competencias xurídico-administrativas dos empregados públicos galegos. En función da temática, están deseñados cursos de 33, 30, 24 e 21 horas. Estes cursos estanse a celebrar en diferentes datas comprendidas entre o pasado 8 de setembro e o vindeiro 23 de novembro; mentres que os exames están fixados para cada caso entre o 13 de outubro e o 27 de novembro de 2026.

 

FORMACIÓN NESTES MESES

 

En concreto, entre setembro e comezos de outubro, xa tivo lugar a teleformación “A intervención do Consello Consultivo de Galicia na contratación pública” e están a piques de rematar os cursos “A función consultiva do Consello Consultivo de Galicia” e “A responsabilidade patrimonial por razóns de carácter urbanístico. Os supostos indemnizatorios”.

O “Curso práctico sobre responsabilidade patrimonial das entidades locais”,  iniciado a finais de setembro concluirá o 28 de outubro;  tamén está aínda en marcha o denominado “Elaboración de disposicións administrativas de carácter xeral” (ata  o 22 de outubro).  Asemade, xunto ao curso que comeza mañá, neste mes de outubro tamén arrinca a teleformación “O procedemento de responsabilidade patrimonial: irregularidades, defectos e cuestións prácticas” (do 20 de outubro ao 13 de novembro).

Por último, esta programación para a preparación de empregados públicos na segunda parte do 2026 concluirá co curso “Os recursos administrativos na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas”, que se desenvolverá entre o 2 e o 23 de novembro.

O Consello Consultivo de Galicia e a EGAP, froito dun convenio de colaboración, promoven o desenvolvemento de actividades de carácter formativo, divulgador e investigador en materias da súa competencia. Trátase de contribuír a un mellor coñecemento do órgano consultivo e das cuestións xurídico-administrativas en beneficio da cidadanía e da sociedade galega.

Galego