O Consello Consultivo de Galicia, anfitrión dunha conferencia do ciclo “A pegada do Consejo de Estado” polo seus 500 anos

O Consello Consultivo de Galicia, anfitrión dunha conferencia do ciclo “A pegada do Consejo de Estado” polo seus 500 anos

O presidente do CES de España aborda en Santiago de Compostela a influencia da doutrina do máximo órgano consultivo do Estado sobre a economía española

Santiago de Compostela, 08 de outubro de 2026.- O Consello Consultivo de Galicia e o Consejo de Estado foron os promotores da celebración, este mércores en Santiago de Compostela, dunha conferencia incluída na programación de actividades que conmemoran o V Centenario do supremo órgano consultivo creado en España en 1526 por Carlos V.

O Pazo de Amarante de Santiago de Compostela, edificio que alberga a sede do Consello Consultivo de Galicia e tamén do Consello Económico e Social (CES) de Galicia, xuntou na tarde do mércores a varias decenas de convidados para escoitar a conferencia “O Consejo de Estado como garante da modernización institucional da economía española”, baixo o paraugas do Ciclo “A pegada do Consejo de Estado”.

O presidente do Consello Consultivo de Galicia,  Andrés Lago Louro, actuou de anfitrión no acto, no que tamén tomaron a palabra o secretario xeral do Consejo de Estado, Leopoldo Calvo-Sotelo Ibáñez-Martín, e o presidente do Consejo Económico y Social (CES) de España, Antón Costas Comesaña. Na sesión estiveron presentes, entre outros, a conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana; o presidente do CES de Galicia, Manuel Pérez; e varios integrantes dos órganos estatutarios, así como representantes do mundo institucional, empresarial, sindical e social.

Andrés Lago deu a benvida aos asistentes e apuntou que, ademais de compartir funcións como garantes da calidade normativa e da seguridade xurídica, o Consejo de Estado e o Consello Consultivo de Galicia están en 2026 de aniversario. Así, lembrou que mentres o primeiro cumpre 500 anos de existencia o segundo foi creado hai 30 anos. Explicou que, ante esta coincidencia, o órgano consultivo galego sumouse ás celebracións do estatal, á espera conmemorar en 2027 o seu propio aniversario.

DOUTRINA E MODERNIZACIÓN ECONÓMICA

Trala benvida institucional, Leopoldo Calvo-Sotelo enmarcou a conferencia de Antón Costas no ciclo sobre a pegada do Consejo de Estado desde a súa creación e aludiu ao prestixio e traxectoria do conferenciante. Pola súa banda, o presidente de CES España abordou na súa intervención distintas cuestións relacionadas coas funcións do máximo órgano consultivo no Estado e a economía do país.

En concreto, Costas fixo unha análise sobre como a doutrina do Consejo de  Estado tivo influencia en tres momentos modernizadores da etapa democrática do pais: a Constitución de 1978, a incorporación de España á Comunidade Económica Europea en 1986 e, por último, desde o inicio desta década dos vinte coa nova normativa regulatoria e de fomento económico do Estado para a adaptación ás transformacións dixital, climática e xeoeconómica.

O conferenciante explicou como a función consultiva do Consejo de Estado logrou mellorar a calidade e a seguridade xurídica da nova regulación, así como fortalecer a súa lexitimidade e permanencia. Relacionouno coa vixilancia de que no proceso de información fosen escoitadas as visións e preferencias dos distintos actores interesados nesas regulacións. Incidiu especialmente en como os ditames e informes do Consejo esixen que as novas regulacións estatais respecten escrupulosamente a distribución constitucional de competencias.

O presidente de CES España asegurou que o Consejo de Estado, a través dos seus informes, pode xogar un rol importante na creación dunha opinión pública informada sobre os principais desafíos do país. Ademais, apelou ás autoridades a que non abusen na petición de urxencia para os ditames e respecten os prazos que permiten máis reflexión.

Por último, a suxestión de Costas de sintetizar toda a doutrina do órgano consultivo relacionada coa ciencia económica foi ben recibida por Leopoldo Calvo-Sotelo quen, como secretario xeral, se comprometeu a trasladar esta proposta por considerala oportuna e instrutiva, tal e como quedou de manifesto no enfoque da conferencia.

 

Galego