A innovación tecnolóxica do Consello Consultivo recibe o recoñecemento da Xunta nos VI Premios ao Empregado Público Innovador

A innovación tecnolóxica do Consello Consultivo recibe o recoñecemento da Xunta nos VI Premios ao Empregado Público Innovador

 

Santiago, 7 de xaneiro de 2025. A Xunta de Galicia distinguiu a Vanessa Brea Lago, empregada pública do Consello Consultivo de Galicia, cun dos galardóns dos VI Premios ao Empregado Público Innovador polo seu labor no proxecto LexIA, o innovador proxecto de intelixencia artificial xerativa da institución.

LexIA —impulsada desde a área de Comunicación do Consello Consultivo, con María Almodóvar, e co respaldo da Secretaría Xeral, con José Oreiro— representa unha solución pioneira no ámbito xurídico-administrativo. Actualmente, trabállase en novas funcionalidades como a consulta directa de ditames. Opera xa como unha ferramenta estratéxica para comunicar as novidades da institución, informar sobre convocatorias e facilitar resumos de ditames. O seu obxectivo é mellorar a accesibilidade da información e optimizar a interacción cos profesionais do dereito e a cidadanía.

Este proxecto desenvolveuse utilizando as versións gratuítas de diversas aplicacións tecnolóxicas, demostrando que a innovación é posible mesmo con recursos limitados. LexIA non só reforza a comunicación institucional, senón que tamén posiciona o Consello Consultivo como un referente na aplicación da intelixencia artificial no ámbito público.

A premiada Vanessa Brea Lago liderou esta iniciativa con visión e compromiso, logrando que o proxecto se convertese nunha realidade en poucos meses. Este recoñecemento pon de manifesto a capacidade do Consello Consultivo para adaptarse aos retos da era dixital, apostando pola modernización e a eficiencia.

O Consello Consultivo de Galicia continuará desenvolvendo e ampliando as capacidades de LexIA co obxectivo de consolidala como unha ferramenta esencial no ámbito xurídico, en liña co seu compromiso de servizo á sociedade galega.

Desde a esquerda. o conselleiro de Facenda, Miguel Corgos, a premiada Vanessa Brea, o conselleiro do Consello Consultivo de Galicia José Antonio Fernández Vázquez, Carmen Cotelo, directora de GAIN, e María Almodóvar, xefa de Comunicación do Consello Consultivo de Galicia.
Galego