A Comisión da Transparencia de Galicia sinala o desafío que supón o gran incremento de expedientes de acceso a información

A Comisión da Transparencia de Galicia sinala o desafío que supón o gran incremento de expedientes de acceso a información

  • Andrés Lago interveu na sesión “Retos e desafíos dos órganos garantes da transparencia” do CIT 2026
  • O órgano colexiado encargado da Transparencia en Galicia avoga por criterios claros e unificados para ofrecer unha maior garantía xurídica

 

Santiago de Compostela, 28 de setembro de 2026.- A Comisión da Transparencia de Galicia constata que nos últimos anos obsérvase un relevante incremento no número de expedientes con reclamacións por solicitudes de acceso a información pública das Administracións galegas. Este foi un dos asuntos abordados hoxe en Santiago de Compostela na Sesión Plenaria ”Retos e desafíos dos órganos garantes da transparencia”, dentro do XI Congreso Internacional de Transparencia e Gobierno Abierto, impulsado pola Asociación Centro de Investigación da Transparencia e o Goberno Aberto (CIT) e co respaldo de universidades e institucións.

O presidente do Consello Consultivo de Galicia e Comisionado da Transparencia, Andrés Lago Louro, foi un dos nove representantes de órganos autonómicos de transparencia que, baixo a coordinación da presidencia do Consejo de Transparencia y Buen Gobierno (CTBG), analizaron o traballo dos encargados de velar polo cumprimento do marco normativo e resolver os desafíos que están a xurdir nestes últimos anos.

Na súa quenda, o tamén presidente da Comisión da Transparencia de Galicia explicou a nova etapa deste órgano independente. Así, lembrou que en 2016 o Comisionado de Transparencia de Galicia quedou adscrito á Valedora do Pobo como órgano colexiado independente; pero recentemente, desde o 1 de maio de 2026, esta función pasou ao Consello Consultivo de Galicia.

En concreto, explicou que este cambio é froito da Lei 1/2016, de 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, operada a través da Lei 5/2025, de 23 de decembro, de medidas fiscais e administrativas.

 

EVOLUCIÓN DE EXPEDIENTES

 

Tras facer un repaso polos pasos executivos e institucionais dados para facer efectivo o traspaso do Comisionado e da Comisión da Transparencia de Galicia desde a Valedora do Pobo ao Consello Consultivo de Galicia, ofreceu os datos que demostran a evolución crecente no número de expedientes relacionados con reclamacións de acceso a información pública das Administracións galegas.

Desde o 1 de maio de 2026 ata o 25 de setembro, a Comisión xestionou a recepción e tramitación duns 607 expedientes de petición de información pública de particulares (dirixidos principalmente a concellos galegos e departamentos da Xunta). E, neste tempo, do total, xa foron resoltos en prazo legal máis da metade das peticións, en concreto, máis de 308 expedientes. Aos que habería que sumar os expedientes xestionados pola Valedora nos catro primeiros meses deste ano, que foron 74.

Así, en nove meses de 2026, a Comisión da Transparencia de Galicia -con independencia do órgano estatutario ao que estivese adscrita- recibiu e está a xestionar 681 expedientes. Un dato que puxo en relación cos completos referidos a anos anteriores, cando se atenderon 709 expedientes en 2025 e 249 en 2024.

 

REFLEXIÓN A FUTURO

 

Estes números serviron para que Andrés Lago formulase unha reflexión sobre que un dos principais desafíos dos órganos garantes da transparencia para os próximos anos é o risco de colapso polo aumento exponencial das reclamacións. En relación con este asunto, tamén indicou que outros retos son a necesaria adaptación dos órganos garantes con medios e recursos suficientes e tamén o establecemento de criterios claros e unificados para ofrecer unha maior garantía xurídica.

Por último, o presidente da Comisión da Transparencia de Galicia sinalou “como oportunidade e tamén como meta”, a necesidade de intercambiar experiencias e coñecementos, reforzar a cooperación e a formación na materia. Para iso, considerou importante lograr consolidar redes de colaboración entre os distintos órganos autonómicos e estatais a través de iniciativas como a Conferencia de Órganos Garantes da Transparencia e o Acceso á Información Pública (COTAI).

Nesta sesión tamén participaron os responsables do CTBG, da Comisión de Garantía do Dereito de Acceso á Información Pública de Cataluña (GAIP), do  Consello de Transparencia e Protección de Datos de Andalucía, do Comisionado de Transparencia da Rexión de Murcia, do Consello Rexional de Transparencia e Bo Goberno de Castela-A Mancha, do Comisionado de Transparencia de Canarias, do Consello de Transparencia de Navarra, do Comisionado de Transparencia e Protección de Datos da Comunidade de Madrid, e do Comisionado de Transparencia de Castela e León.

O Congreso CIT 2026, que se desenvolve ata o 29 de setembro, conta coa organización da Universidade de Santiago de Compostela (USC), a Universidade Complutense de Madrid e a Universidade Central de Chile, así como co patrocinio e apoio da Xunta de Galicia, da Comunidade de Madrid, do Consello de Contas de Galicia e da Comisión da Transparencia de Galicia, organismo adscrito ao Consello Consultivo de Galicia, entre outras institucións e entidades.

Galego