O Consello Consultivo de Galicia articúlase nos seguintes órganos: a Presidencia, o Pleno, a Sección de Ditames, a Sección de Estudos e Informes e a Secretaría Xeral.

A persoa titular da Presidencia do Consello Consultivo será elixida por e entre as conselleiras e os conselleiros electivos en votación secreta e por maioría absoluta, e será nomeada pola Presidencia da Xunta.

O Pleno do Consello Consultivo está constituído pola persoa que desempeña a Presidencia, as conselleiras e os conselleiros electivos e máis as conselleiras e os conselleiros natos.

Compoñen a Sección de Ditames a persoa titular da Presidencia do Consello e as conselleiras e os conselleiros electivos.

A Sección de Estudos e Informes está composta pola persoa titular da Presidencia do Consello, por unha conselleira ou conselleiro electivo e por unha conselleira ou conselleiro nato, que se designarán anualmente polo Pleno por proposta da Presidencia do Consello. Poderá incorporarse a ela, para a súa intervención limitada a un asunto concreto, outra conselleira ou conselleiro electivo, que se designará na mesma forma.

O posto de titular da Secretaría Xeral estará asimilado no seu rango ao de alto cargo. A persoa titular da Secretaría Xeral deberá ser licenciada en Dereito, ou posuidora do título de grao en Dereito, e reunir os requisitos de solvencia profesional que sexan necesarios para o desenvolvemento da función. Será nomeada e separada polo Pleno a proposta da Presidencia do Consello Consultivo.

Galego