Nora María Martínez Yáñez

Currículo

Conselleiro/a

Naceu en Ferrol en 1970. Estudou nas Universidades de Granada e de Santiago de Compostela. Nesta última obtivo os títulos de licenciada en Dereito (1993) e de doutora europea en Dereito, con sobresaínte cum laude (1999).

A súa carreira profesional desenvolveuse no marco da docencia e investigación universitaria. Foi profesora de Filosofía do Dereito na Universidade de Santiago de Compostela (1998-1999) e de Dereito Mercantil na Universidade de Vigo (2001-2004). En 2004 incorpórase á Área de Dereito do Traballo e da Seguridade Social na Universidade de Vigo, onde ocupa unha praza de profesora titular de Universidade.

Na Universidade de Vigo foi directora do I e II Curso de Especialista en Seguridade Social (2005-2007); vicedecana da Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo (2011-2013) e coordinadora do Máster Interuniversitario en Xestión e Dirección Laboral (2018-2020).

Conta con dous sexenios de investigación recoñecidos pola Comisión Nacional Avaliadora da Actividade Investigadora (CNEAI) e catro quinquenios de docencia. Participou en máis de quince proxectos de investigación con financiamento público competitivo. Realizou estancias de investigación nas universidades de Bolonia (1996), Roma (1999) e Florencia (2015). É autora de dúas monografías, así como de máis de setenta capítulos de libro e artigos en revistas científicas. É membro da Asociación Española de Dereito do Traballo e da Seguridade Social (AEDTSS). Recibiu varios premios de investigación de ámbito estatal. Entre eles destaca o Premio de Estudos Financeiros, na modalidade de Dereito do Traballo e da Seguridade Social (2015).

Colaborou co Valedor do Pobo en calidade de asistente técnica (1998-2004). Dende 2018 ata a súa incorporación ao Consello Consultivo foi mediadora e árbitra do Acordo Interprofesional Galego sobre Procedementos Extraxudiciais de Solución de Conflitos de Traballo (AGA).

Galego