O Consello Consultivo de Galicia, anfitrión dunha conferencia do ciclo “A pegada do Consejo de Estado” polo seus 500 anos
O presidente do CES de España aborda en Santiago de Compostela a influencia da doutrina do máximo órgano consultivo do Estado sobre a economía española
Santiago de Compostela, 08 de outubro de 2026.- O Consello Consultivo de Galicia e o Consejo de Estado foron os promotores da celebración, este mércores en Santiago de Compostela, dunha conferencia incluída na programación de actividades que conmemoran o V Centenario do supremo órgano consultivo creado en España en 1526 por Carlos V.
O Pazo de Amarante de Santiago de Compostela, edificio que alberga a sede do Consello Consultivo de Galicia e tamén do Consello Económico e Social (CES) de Galicia, xuntou na tarde do mércores a varias decenas de convidados para escoitar a conferencia “O Consejo de Estado como garante da modernización institucional da economía española”, baixo o paraugas do Ciclo “A pegada do Consejo de Estado”.
O presidente do Consello Consultivo de Galicia, Andrés Lago Louro, actuou de anfitrión no acto, no que tamén tomaron a palabra o secretario xeral do Consejo de Estado, Leopoldo Calvo-Sotelo Ibáñez-Martín, e o presidente do Consejo Económico y Social (CES) de España, Antón Costas Comesaña. Na sesión estiveron presentes, entre outros, a conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana; o presidente do CES de Galicia, Manuel Pérez; e varios integrantes dos órganos estatutarios, así como representantes do mundo institucional, empresarial, sindical e social.
Andrés Lago deu a benvida aos asistentes e apuntou que, ademais de compartir funcións como garantes da calidade normativa e da seguridade xurídica, o Consejo de Estado e o Consello Consultivo de Galicia están en 2026 de aniversario. Así, lembrou que mentres o primeiro cumpre 500 anos de existencia o segundo foi creado hai 30 anos. Explicou que, ante esta coincidencia, o órgano consultivo galego sumouse ás celebracións do estatal, á espera conmemorar en 2027 o seu propio aniversario.
DOUTRINA E MODERNIZACIÓN ECONÓMICA
Trala benvida institucional, Leopoldo Calvo-Sotelo enmarcou a conferencia de Antón Costas no ciclo sobre a pegada do Consejo de Estado desde a súa creación e aludiu ao prestixio e traxectoria do conferenciante. Pola súa banda, o presidente de CES España abordou na súa intervención distintas cuestións relacionadas coas funcións do máximo órgano consultivo no Estado e a economía do país.
En concreto, Costas fixo unha análise sobre como a doutrina do Consejo de Estado tivo influencia en tres momentos modernizadores da etapa democrática do pais: a Constitución de 1978, a incorporación de España á Comunidade Económica Europea en 1986 e, por último, desde o inicio desta década dos vinte coa nova normativa regulatoria e de fomento económico do Estado para a adaptación ás transformacións dixital, climática e xeoeconómica.
O conferenciante explicou como a función consultiva do Consejo de Estado logrou mellorar a calidade e a seguridade xurídica da nova regulación, así como fortalecer a súa lexitimidade e permanencia. Relacionouno coa vixilancia de que no proceso de información fosen escoitadas as visións e preferencias dos distintos actores interesados nesas regulacións. Incidiu especialmente en como os ditames e informes do Consejo esixen que as novas regulacións estatais respecten escrupulosamente a distribución constitucional de competencias.
O presidente de CES España asegurou que o Consejo de Estado, a través dos seus informes, pode xogar un rol importante na creación dunha opinión pública informada sobre os principais desafíos do país. Ademais, apelou ás autoridades a que non abusen na petición de urxencia para os ditames e respecten os prazos que permiten máis reflexión.
Por último, a suxestión de Costas de sintetizar toda a doutrina do órgano consultivo relacionada coa ciencia económica foi ben recibida por Leopoldo Calvo-Sotelo quen, como secretario xeral, se comprometeu a trasladar esta proposta por considerala oportuna e instrutiva, tal e como quedou de manifesto no enfoque da conferencia.
Manage Cookie Consent
Utilizamos cookies propias e de terceiros para optimizar o noso sitio web e o noso servizo.
Funcionais
Always active
The technical storage or access is strictly necessary for the legitimate purpose of enabling the use of a specific service explicitly requested by the subscriber or user, or for the sole purpose of carrying out the transmission of a communication over an electronic communications network.
Preferencias
The technical storage or access is necessary for the legitimate purpose of storing preferences that are not requested by the subscriber or user.
Estatísticas
The technical storage or access that is used exclusively for statistical purposes.The technical storage or access that is used exclusively for anonymous statistical purposes. Without a subpoena, voluntary compliance on the part of your Internet Service Provider, or additional records from a third party, information stored or retrieved for this purpose alone cannot usually be used to identify you.
Marketing
The technical storage or access is required to create user profiles to send advertising, or to track the user on a website or across several websites for similar marketing purposes.
Benvidos e benvidas á páxina web do Consello Consultivo de Galicia
Como presidente do Consello, e en nome de todos os que integramos esta institución, quero agradecer a súa visita á nosa sede virtual. Énchenos de orgullo abrir esta xanela ao público, ofrecendo un acceso transparente e directo ao noso labor de asesoramento xurídico á administración galega.
O Consello Consultivo de Galicia é o supremo órgano consultivo da Xunta e das administracións públicas galegas, e en pleno século XXI, a comunicación aberta e fluída coa cidadanía é máis importante que nunca. Esta páxina web non só é unha canle para informar, senón tamén unha ferramenta útil que facilita o acceso á nosa doutrina xurídica, consolidada ao longo de case tres décadas de traballo. Aquí poderán consultar os máis de 18.000 informes e ditames emitidos, así como as memorias anuais que trasladamos ao Goberno da Xunta de Galicia.
A tecnoloxía e a intelixencia artificial xa son unha realidade no noso Consello Consultivo. Estas ferramentas permítennos ser máis eficientes e accesibles, o que reforza o noso compromiso coa transparencia e a innovación no ámbito xurídico. Estamos convencidos de que estas innovacións axudarannos a seguir sendo un referente na mellora da calidade normativa para Galicia.
Comprometémonos a manter unha relación próxima e accesible cos cidadáns, compartindo de forma clara as resolucións que emitimos. O noso obxectivo é seguir sendo un referente xurídico para Galicia, contribuíndo á mellora das decisións administrativas e fortalecendo o marco legal que rexe a nosa convivencia.
Desde o Consello Consultivo traballamos cun propósito claro: mellorar a calidade normativa da nosa comunidade, dotándoa de ferramentas xurídicas sólidas que protexan e defendan os seus intereses. É unha honra para min presidir esta institución no seu continuo labor pola defensa da legalidade na actuación administrativa que redunde, en última instancia, no benestar de toda a cidadanía.