O Consello Consultivo de Galicia analizou uns 50 expedientes nas sesións do Pleno e da Sección de Ditames de outubro

O Consello Consultivo de Galicia analizou uns 50 expedientes nas sesións do Pleno e da Sección de Ditames de outubro

A maioría dos asuntos abordados foron reclamacións de responsabilidade patrimonial

 

Santiago de Compostela, 4 de novembro de 2026.- O Consello Consultivo de Galicia, presidido por Andrés Lago Louro, desenvolveu ao longo do pasado mes de outubro tres sesións do Pleno do órgano e catro sesións da Sección de Ditames, que implicaron o estudo dun total de 49 de expedientes, tal e como recollen as correspondentes ordes do día.

Nesta ocasión, o máximo órgano consultivo de Galicia afrontou nas sesións plenarias celebradas en outubro de 2026 o debate e toma de posición sobre a colaboración con outras institucións, como coa Federación Galega de Municipios de Provincias (Fegamp), coa que xa se asinou un convenio. Asemade, o pleno do Consello, cumprindo coas  funcións que ten encomendas, atendeu ás consultas en materia de tecnoloxías e de territorio realizadas en relación a dous proxectos de decreto.

Polo que se refire ao traballo desenvolvido pola Sección de Ditames do Consello Consultivo de Galicia, ao longo do pasado mes houbo catro reunións que, de acordo coas respectivas ordes do día, supuxeron o estudo e o pronunciamento sobre un total de 47 expedientes relativos a diferentes actuacións administrativas.

 

RESPONSABILIDADE PATRIMONIAL

 

Do total de documentos analizados, 33 corresponderon a reclamacións de responsabilidade patrimonial referidas ao ámbito sanitario, a caídas de persoas en espazos públicos e a outras tipoloxías. Máis concretamente, o asesoramento xurídico maioritario tivo que ver con 13 casos de responsabilidade patrimonial en relación a reclamacións por falecementos ou por danos relacionados con doenzas, diagnósticos e/ou tratamentos sanitarios.

E tamén houbo seis casos referidos a caídas de persoas en diferentes espazos públicos, mentres que o resto foron expedientes de responsabilidade patrimonial por diferentes causas.

Asemade, o órgano consultivo tamén analizou nas sesións de outubro da Sección de Ditames outros asuntos, entre eles, cinco revisións de oficio, cinco resolucións de contrato (dous referidos a obras, dous a servizos e un a subministración dun vehículo), houbo tamén tres solicitudes de declaración de nulidade de pleno dereito, unha interpretación de contrato e unha resolución do procedemento de revisión de oficio.

Como é habitual, a actividade de outubro desenvolveuse, en prazos e procedemento, de acordo ao previsto na Lei 3/2014, do 24 de abril do Consello Consultivo de Galicia (LCCG) e na súa modificación pola Lei 2/2023, do 14 de marzo; así como, no Decreto 91/2015, do 18 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de organización e funcionamento do Consello Consultivo de Galicia.

O Consello Consultivo de Galicia, unha vez aprobados os correspondentes ditames sobre os diferentes asuntos, da traslado dos mesmos ás administracións que presentaron a solicitude que deu orixe ao inicio do procedemento. Con posterioridade, segundo a normativa aplicable e unha vez atendida a obriga de protección de datos sobre os textos, os ditames estarán accesibles na base de datos dispoñible na páxina web do órgano.

Galego