Costa Pillado presenta a Memoria 2021 do Consultivo ó presidente Alfonso Rueda.

O Consultivo emitiu 422 ditames no segundo ano da pandemia. Máis do 50 por cento dos expedientes informados corresponden a asuntos de sanidade (234).

O presidente do Consello Consultivo de Galicia, José Luis Costa Pillado, ven de presentar ó presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda Valenzuela, a Memoria anual 2021 do organismo na que se fan constar 422 expedientes avaliados, dos cales cómpre salientar que 234 corresponden a asuntos relacionados coa sanidade. No balance xeral presentado a Rueda Valenzuela constan 54 expedientes máis que no exercicio anterior, ascenso xustificado pola redución da pandemia que facilitou a paulatina recuperación da normalidade no desenvolvemento da actividade administrativa en xeral.

A Administración autonómica lidera de novo a presentación de casos a consulta, con 290 (21 máis que o ano anterior), e os asuntos ditaminados para a Administración local ascenderon a 131 (33 máis que en 2020). En termos porcentuais, a Xunta aglutina un 68,72 por cento dos expedientes, mentres que deputacións e concellos quédanse nun 31,04 por cento.

Respecto da Administración local, a provincia que elevou máis expedientes a consulta foi A Coruña (52), con ese concello liderando (23), seguida pola provincia de Pontevedra (42), con Vigo en primeiro lugar (18). A provincia de Lugo presentou 14 expedientes a consulta e a de Ourense só 12.

Do total de expedientes remitidos ó Consello Consultivo para o seu exame, de acordo coa materia obxecto de ditame, o maior número segue correspondendo a reclamacións de responsabilidade patrimonial (327), seguidos das revisións de oficio de actos administrativos, con 40 expedientes, e dos contratos administrativos, con 26 expedientes

 

No ano 2021 ditamináronse, ademais 17 proxectos de normas regulamentarias.

O Porto de Marín

Un dos informes máis salientables dos emitidos polo Consello Consultivo no pasado exercicio foi o 311/2021, referente á viabilidade xurídica da modificación da zona de servizo do Porto de Marín co fin de incorporar a esta o tramo de dominio público marítimo-terrestre correspondente aos terreos hoxe ocupados pola factoría ENCE, con destino a usos complementarios.

Considera o Consello Consultivo que a inclusión na zona de servizo do porto dos terreos de dominio público marítimo-terrestre, actualmente ocupados polas instalacións da industria pasteira, é perfectamente viable levala a cabo mediante a modificación da delimitación desa zona de servizo, sempre que eses terreos sexan necesarios para o desenvolvemento dos usos portuarios, así se xustifique, e se observen os trámites legalmente establecidos para a dita modificación.

Debe reflectirse que, con base a tal informe, a Autoridade Portuaria de Marín acordou iniciar o expediente para a aprobación da modificación sinalada, que actualmente se encontra en trámite.

Proxecto de Lei de cambio climático

Outro informe do Consello Consultivo que atinxe ó interese xeral de Galicia é o relativo a determinadas cuestións sobre a constitucionalidade do Proxecto de lei de cambio climático e transición enerxética. Un proxecto que comprometía á continuidade das depuradoras e industrias de acuicultura asentadas ó longo da costa galega, no relativo a posibilidade de prórroga das distintas concesións que se atopaban vixentes.

O informe do Consultivo considerou inconstitucional un determinado precepto do Proxecto de lei por incorrer en vulneración da prohibición constitucional de retroactividade das normas que afecten a dereitos xa integrados no patrimonio dos particulares, e por vulnerar o principio de seguridade xurídica, por supoñer un cambio lexislativo non xustificado, e imprevisible para un operador económico prudente e dilixente realizado mediante unha norma non clara.

O Proxecto de lei foi aprobado polo Congreso nos seus termos orixinais e modificado no Senado axustándose ao criterio indicado polo Consello Consultivo.

Galego