Benvidos á páxina web do Consello Consultivo de Galicia. En nome das persoas que integramos esta institución, grazas por visitar a nosa sede virtual. Queremos que esta sexa una xanela aberta á cidadanía dende a que amosar a nosa tarefa de asesoramento xurídico á administración galega.En pleno século XXI parécenos fundamental abrir canles de comunicación dinámicos que informen ós cidadáns con transparencia sobre o labor dunha institución esencial para a nosa Comunidade Autónoma, como é este Consello Consultivo.
Por iso, nesta páxina aberta, administración e cidadáns poderán consultar toda a doutrina legal dende que se creou o organismo. Cada periodo anual emitimos máis de 700 informes e ditames, ata un total de case 17.000 expedientes dende que este órgano consultivo comezara a súa andaina. Tamén poderán examinar as memorias que anualmente se trasladan ó goberno da Xunta de Galicia e elevar as consultas que estimen oportunas.
Cremos que é a nosa obriga poñer ó alcance de todos os galegos a xestión desta institución, que se coñezan as resolucións que emitimos, ademais de garantir os dereitos das persoas e colectivos sociais orientando e axustando as decisións, en materia legal, tanto da Xunta de Galicia como das outras administracións galegas
Dende este Consello Consultivo traballamos para mellorar a calidade das normas que rexen a convivencia. A nosa forma de facer país consiste en dotar a esta terra de instrumentos xurídicos sólidos na defensa dos seus intereses.