O presidente do Consello Consultivo de Galicia acude en Madrid ao simposio internacional sobre a función consultiva

O presidente do Consello Consultivo de Galicia acude en Madrid ao simposio internacional sobre a función consultiva

O Consejo de Estado reúne a representantes de los órganos consultivos de diferentes países nun foro organizado polo V Centenario

 

Santiago de Compostela, 19 de novembro de 2026.- O presidente do Consello Consultivo de Galicia, Andrés Lago Louro, desprazouse a Madrid para asistir ás diferentes sesións do l Simposio Internacional “A función consultiva nas democracias contemporáneas”, organizado no marco do 500 aniversario do Consejo de Estado.

A Galería das Coleccións Reais de Madrid foi o espazo escolido polo Consejo de Estado para acoller os días 19 e 20 de novembro este foro para, a través de diferentes mesas, debater sobre o papel da función consultiva no Estado de dereito actual. Neste encontro están presentes representantes de diversos órganos consultivos de España, entre eles o de Galicia, e de países como Luxemburgo, Bélxica, Colombia, Francia, Grecia, Italia, Países Baixos e da UE.

A primeira xornada comezou hoxe coa inauguración institucional a cargo da presidenta do Consejo de Estado, Carmen Calvo, quen salientou a función consultiva como “unha peza de garantía e rigor” para as democracias. Lembrou que o órgano de España, creado hai cinco séculos, é “o máis antigo do mundo” e agradeceu a presencia dos representantes doutros países nun foro para analizar “sen preguntas retóricas” como soster a democracia e a idea de Europa.

Tras o acto de apertura, os asistentes tiveron a oportunidade coñecer diferentes enfoques sobre “A función consultiva e o Estado de Dereito” a partir das experiencias dos órganos consultivos de Luxemburgo, Bélxica, Colombia, Países Baixos e España, que actuou como anfitriona.  En concreto, nesta mesa, houbo tempo para afondar sobre cuestións como a mellora técnico-xurídica das iniciativas lexislativas; a calidade normativa, a seguridade xurídica e a supervisión dos actos administrativos; e tamén sobre a defensa e protección dos dereitos fundamentais.

 

DEMOCRACIAS CONTEMPORÁNEAS

Na seguinte mesa, tamén houbo tempo para reflexionar sobre “A función consultiva nas democracias contemporáneas“, poñendo o foco en aspectos como a análise de legalidade e a boa administración; así como a relación entre a función consultiva e a cidadanía a partir da transparencia e do uso dunha linguaxe clara e inclusiva. Nesta ocasión, a posta en común correu a cargo dos representantes de Colombia, Grecia, Francia, Luxemburgo e España.

A segunda xornada deste simposio está previsto que arranque mañá, venres, coa intervención do ministro de Asuntos Exteriores, Unión Europea e Cooperación de España, José Manuel Albares, quen será presentado polo Comisionado do V Centenario e conselleiro permanente de Estado (España), Fernando Ledesma Bartret. A continuación, os asistentes poderán reflexionar sobre “A función consultiva e o dereito da Unión Europea”, que estará moi centrada no asunto da aplicación do dereito europeo en relación co traballo dos órganos consultivos a partir de experiencias de varios países.

Posteriormente, a actividade consultiva respecto das comunidades e das rexións, a través dos casos de Países Baixos, Italia e Bélxica, servirá para tratar o tema “A función consultiva nos Estados descentralizados”. Por último, está programado que sexa a presidenta do Consejo de Estado quen realice a clausura institucional do simposio.

Galego