O Consello Consultivo de Galicia disporá en 2027 de 2,6 M€  para  velar pola calidade normativa e pola transparencia

O Consello Consultivo de Galicia disporá en 2027 de 2,6 M€  para  velar pola calidade normativa e pola transparencia

  • Andrés Lago comezou expresando o pésame e a solidariedade coas vítimas do recente accidente ferroviario
  • A intervención serviu para dar conta do traballo da Comisión da Transparencia e da actividade do órgano Consultivo nestes meses

 

Santiago de Compostela, 29 de outubro de 2026.- O Consello Consultivo de Galicia disporá para 2027 dun orzamento de pouco máis de 2,6 millóns de euros para desenvolver as súas funcións como órgano de carácter asesor e consultivo para as administracións públicas da comunidade; así como para, por primeira vez nun exercicio completo, atender as competencias en materia de transparencia e acceso á información pública atribuídas á Comisión da Transparencia de Galicia.

O presidente do Consello Consultivo de Galicia, Andrés Lago Louro, acompañado pola secretaria xeral do órgano, Patricia Roiloa Rodríguez, acudiron hoxe ao Parlamento de Galicia para participar na Comisión 3ª Economía, Facenda e Orzamentos e explicar as contas para 2027, no marco da ronda de debates e presentación dos orzamentos autonómicos.

Ao comezo da súa intervención, Andrés Lago expresou no nome do Consello Consultivo de Galicia o máis sentido pésame e a solidariedade cos familiares e coas vítimas do accidente ferroviario que se produciu onte preto de Urda (Toledo).

 

DISTRIBUCIÓN DOS RECURSOS

Seguidamente, presentou o presuposto anual do Consello Consultivo de Galicia para 2027, que se é aprobado polo Parlamento, quedará integrado nos Orzamentos xerais da comunidade autónoma. Nesta ocasión, as contas do máximo órgano consultivo de Galicia para o vindeiro ano servirán para, por unha banda, poder desempeñar as funcións de velar pola legalidade e o rigor técnico-xurídico das normas e, por outra, cubrir o traballo da Comisión da Transparencia de Galicia, que quedou adscrita desde o pasado 1 de maio de 2026.

Segundo o proxecto de orzamentos, que xa superou un primeiro trámite no seno interno do propio Consello Consultivo de Galicia, os recursos previstos ascenden a pouco máis de 2,6 millóns de euros, representando apenas un 0,02 por cento do orzamento autonómico total en 2027. O orzamento recolle un incremento do 9 por cento respecto ao exercicio de 2026.

En concreto, orzamento para o próximo  ano suma un total de 2.623.149 €,   onde o 85 por cento está destinada ao capítulo I de persoal, cunha partida de 2.227.222 euros, que incorpora a actualización retributiva dun 5 por cento en aplicación, como en anos anteriores, da suba salarial derivada da normativa básica estatal.

Por outra banda, os restantes 395.927 euros para os gastos asociados ao funcionamento ordinario da institución  quedan distribuídos nunha porcentaxe dun 11,47 por cento para o capítulo II, correspondente a gastos correntes en ben se servizos; e dun 3,62 por cento ao capítulo de VI de investimentos reais.

 

TRABALLO DA COMISIÓN DA TRANSPARENCIA

Desde o pasado 1 de maio de 2026, a Comisión da Transparencia é un órgano colexiado independente adscrito ao Consello Consultivo de Galicia, ao que lle corresponde resolver as reclamacións fronte ás resolucións de acceso á información pública que establece o artigo 28 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, na súa versión consolidada trala modificación da Lei 5/2025, de 23 de decembro.

Este feito serviu para que o presidente do Consello de Consultivo dese conta da reorganización da relación de postos de traballo (RPT) do órgano, que ten repercusión no proxecto de orzamento  do exercicio 2027, coa definición de dous postos para facer fronte ás novas funcións de transparencia. Precisamente, relacionou con este apartado unha partida de 80.000 euros.

A partir da experiencia destes meses de actividade, Andrés Lago explicou o gran volume de traballo da Comisión da Transparencia de Galicia, xa que ata  finais de outubro se xestionou a recepción e a tramitación de preto de 700 expedientes de petición de información pública de particulares dirixidos principalmente a concellos galegos e departamentos da Xunta.  Neste sentido, estimou que se pode pechar o ano con 900 ou 1.000 expedientes.

Ao respecto dos xa tramitados, indicou que en cinco sesións da Comisión foron resoltas 371 reclamacións -incluíndo inadmisións, desestimacións e arquivos-. Neste tempo, case 7 de cada 10 reclamacións resoltas concluíron co recoñecemento, total ou parcial, do dereito de acceso da persoa reclamante.

 

FUNCIÓN CONSULTIVA E FORMATIVA

A comparecencia serviu tamén para lembrar que só no ano 2025, foron emitidos  412 ditames, tal e como se recolle na Memoria de Actividade entregada o pasado mes de xullo á Xunta. Andrés Lago explicou que os datos provisionais apuntan a que o traballo consultivo implicou abordar no que vai de 2026, a dous meses de rematar o exercicio, un volume de ditames semellante ou quizais superior.

O Consello Consultivo de Galicia cumpriu neste ano 2026 trinta anos desde a súa constitución. Nestas tres décadas de traballo este órgano estatutario terá emitido máis de 19.000 ditames e informes xurídicos a instancias das administracións galegas.

Na comparecencia, tamén se incidiu na función de transferencia de coñecemento, destacando que o Consello Consultivo de Galicia reforzará a formación -en materia consultiva, de transparencia e de uso da IA- a través dos correspondentes acordos coa Universidade de Santiago de Compostela (USC), a Escola Galega de Función Pública (EGAP) e a Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP).

Galego